O Concello convoca o concurso de ideas para mellorar a accesibilidade de cinco puntos da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña convocou o concurso de ideas para mellorar a mobilidade peonil en cinco puntos singulares da cidade e así recibir propostas para resolver os problemas de mobilidade e accesibilidade en Mestre Clavé, Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo, Marqués de Cerralbo, Capitán Troncoso con Xeneral Alesón e Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez.

O obxectivo do departamento municipal de Infraestruturas coa convocatoria deste concurso de ideas con intervención de xurado é, por unha parte, seleccionar as mellores formulacións que axuden a mellorar a mobilidade en determinados puntos da cidade, á vez que se dinamizan, en condicións de igualdade e libre concorrencia, as oportunidades de traballo en sectores castigados polas circunstancias económicas. Os cinco puntos singulares pódense agrupar, polas súas características, en tres tipoloxías:

– Rúas a distinto nivel con conexión mediante un único núcleo de escaleiras, como Ramón Cabanillas con avida de Arteixo e Cabo Santiago Gómez con Maxistrado Manuel Artime. Nestes casos, as escaleiras non están adaptadas á normativa vixente polo que as propostas deberían incluír a construción dunhas novas e a posible situación dun elevador.

– Rúas a distinto nivel sen conexión directa na actualidade, como Capitán Troncoso con Xeneral Alesón, na que a solución podería pasar pola implantación dun ascensor.

– Rúas con tramos de escaleiras que dan acceso a espazos ou edificacións en cotas intermedias. É o caso de Mestre Clavé e Marqués de Cerralbo. Estas localizacións requiren dunha solución máis complexa.

As persoas ou equipos disciplinares que se presenten ao concurso poden optar por facer propostas para todos e cada un dos casos ou elixir só algún ou algúns deles. As propostas terán que cumprir o obxectivo de mellora da mobilidade, ademais de funcionalidade e sinxeleza, viabilidade económica e versatilidade. Tamén se valorará, especialmente, que logren satisfacer ao maior número de persoas posible.

Xunto coa proposta deberá incluírse unha valoración económica, xa que, en principio, non se establece un presuposto de partida para cada unha das solucións. Ademais, deberán axustarse á normativa vixente. Para estimular a participación no concurso, o Concello entregará dous premios por cada un dos cinco puntos singulares que oscilarán entre os 1.000 e os 10.000 euros segundo a rúa. En total, dedícanse 37.900 euros a este concurso de ideas.

O xurado estará presidido polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e formado polos decanos dos Colexios de Arquitectos de Galicia; Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia; e Enxeñeiros Industriais de Galicia ou persoas en quen deleguen; ademais dun profesional técnico elixido polos concursantes.

Esta actuación súmase a outras accións que o Goberno local está a levar a cabo na cidade como a primeira fase do Plan de Accesibilidade, no que se invisten 410.000 euros na execución de 260 obras; as axudas para a rehabilitación que, na convocatoria deste ano, incluíu unha partida de 900.000 euros para a instalación de ascensores; ou os 415.000 euros que, dentro do Plan Urbana C, se destinan a 90 obras que melloran a accesibilidade e mobilidade nas zonas de Agra del Orzán, ou Ventorrillo, Riazor e Visma.

5 de abril de 2013 | 10:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.