O Concello conclúe as obras de mellora das pistas deportivas da Nosa Señora do Carmen

Visita de Mourelo ás novas instalacións
O responsable municipal de Deportes, Francisco Mourelo, acompañado da concelleira de Barrio Mariel Padín e do director técnico do seu departamento, Luis Arias, visitou esta mañá as instalacións deportivas Da nosa Señora do Carmen, en Labañou, onde o Concello da Coruña rematou as obras de mellora do recinto, un proxecto que significou un investimento de 124.457,70 euros.
A Concellaría de Deportes mantivo dende o inicio do mandato contactos coa Asociación de Veciños de Labañou para escoitar as súas propostas á hora de desenvolver este proxecto de acondicionamento das instalacións deportivas Da nosa Señora do Carmen. O presidente da entidade veciñal, Enrique Maceiras, tamén participou na visita desta mañá. As obras promovidas polo Concello e que foron supervisadas por un arquitecto municipal supoñen unha renovación total das instalacións deportivas:
– Desmontaxe tanto do valado existente coma dos postes que sustentan este nos dous campos de chave e na pista deportiva.
– Acondicionamento da pista polideportiva. É de aglomerado de áridos seleccionados e sobre unha base drenante de pedra machucada para garantir a evacuación de auga. Para salvar o desnivel, construíuse unha rampla de acceso de formigón armado e rematouna co mesmo pavimento que a pista de xogo.
– Nova iluminación para a pista de xogo e o campo de fútbol. Colocáronse novas columnas metálicas no campo. A instalación eléctrica adaptouse á lexislación vixente e ás normas para a redacción de proxectos de iluminación pública do Concello.
– Acondicionamento dos campos de xogos de chave. Nos dous campos instalouse un novo peche, substituíuse a cuberta por outra nova prelacada de aceiro e pintouse o pavimento. No campo número 1 eliminouse tamén a antiga zona de acceso para substituíla por outra de céspede; mentres que no campo número 2 se derrubou un dos caixóns existentes e se dotou de iluminación.
– Reparación e pintado das bancadas de formigón do campo de fútbol, así como da estrutura que soporta a cuberta, que tamén se substituíu por outra de chapa prelacada de aceiro.
– Acondicionamento das zonas axardinadas dos campos de chave números 1 e 2.
O Concello recibiu 21 propostas para a execución das obras, o que permitiu un aforro con respecto ao presuposto de licitación do 21,75%. Esta elevada participación permitiu favorecer a igualdade de oportunidades entre empresas para un proxecto onde o Goberno local reforza a súa aposta por fomentar o deporte entre os mozos como alternativa de ocio saudable.











