O Concello concede a licenza de obra que permite a rehabilitación da Fábrica de Tabacos

Xunta de Goberno
O Concello aprobou esta mañá o proxecto da Xunta para a rehabilitación da Fábrica de Tabacos, o que consolida a cidade da Coruña como capital xudicial de Galicia. A Xunta de Goberno tamén autorizou modificacións que melloran a mobilidade e os espazos para uso público no polígono do Parque Ofimático. En total, na sesión de hoxe concedéronse licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento de 14,89 millóns de euros.
FÁBRICA DE TABACOS
O voceiro do Goberno municipal, Julio Flores, destacou que aprobar a licenza de rehabilitación da Fábrica de Tabacos significa impulsar definitivamente un proxecto que quedara bloqueado durante os anos de gobernos bipartitos tanto na Coruña como a nivel autonómico e, ao mesmo tempo, significa consolidar a cidade como capital xudicial de Galicia.
A Xunta de Goberno Local ratifica así o anuncio realizado hai unha semana polo alcalde, Carlos Negreira, quen asegurou que en breve se concedería a licenza de obra á Consellería de Xustiza unha vez a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informara de xeito favorable ao proxecto de rehabilitación da Fábrica de Tabacos.
Flores destacou a celeridade coa que todas as administracións traballaron de xeito coordinado, pois a concesión da licenza se produce só catro semanas despois de que a Xunta presentase o proxecto definitivo para recuperar este emblemático edificio de titularidade municipal, situou na Palloza e catalogou como Ben de Interese Cultural (BIC).
O tenente de alcalde destacou que en ano e medio se puido reconducir un proxecto que quedara no esquecemento tras o convenio asinado en 2006 -polo entón Ministerio de Vivenda e o anterior alcalde- para a rehabilitación do inmoble por un importe de 12,5 millóns de euros, que nunca se levou a cabo e do que só se colocou a primeira pedra. A concesión da licenza supón confirmar a previsión de que os traballos de rehabilitación de Tabacos empezarán a finais deste ano.
A reforma de Tabacos supón un investimento de 20 millóns de euros e alcanza un triplo obxectivo:
1. Recuperar un edificio emblemático. Neste sentido, Julio Flores especificou unha serie de actuacións pactadas por Concello, Xustiza e Patrimonio:
a. Integración dos restos da antiga bancada do estaleiro dos Correos Marítimos achados nun dos patios dentro do plan de rehabilitación da Fábrica de Tabacos.
b. Incorporación dunha zona para a divulgación na que se explique a evolución histórica da construción do inmoble.
c. Mantemento da identidade histórica de Tabacos, conservando a fachada e o reloxo.
d. Eliminación de elementos que distorsionan o entendemento do edificio, ao non ser acordes coa súa época de execución.
2. Afianzar A Coruña como capital xudicial de Galicia. O proxecto incrementa nun 70% a superficie que na actualidade ocupan a Audiencia Provincial e os Novos Xulgados, o que garante contar coas dependencias xudiciais necesarias para atender a demanda. En concreto, destinaranse 15.500 metros cadrados a infraestruturas xudiciais (Audiencia Provincial, Fiscalía, Xulgados de Menores e Xulgado de Vixilancia Penitenciaria).
3. Impulsar a actividade económica no barrio de Catro Camiños.
PARQUE OFIMÁTICO
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Pardo, informou da modificación puntual no plan parcial do Parque Ofimático para así axustalo ao novo estudo de detalle aprobado no pleno do pasado 8 de abril e que permite continuar as obras e conceder as primeiras licenzas aos cooperativistas. Nesta liña, os cambios no plan parcial do futuro polígono melloran o proxecto a nivel urbanístico e a súa relación co ámbito:
– Readaptar as rasantes dos viarios públicos.
– Redeseñar os espazos libres para unha mellor integración do futuro polígono no seu ámbito: un carril bici e unha praza central de 8.600 m2.
– Incrementar o número de prazas de aparcadoiro en superficie en 252: pásase de 1.911 a 2.163.
– Redefinir viais para favorecer a mobilidade. É o caso, por exemplo, da estrada de acceso á rotonda de Monelos, facilitando a conexión coa AC-10, que comunica as avenidas de Alfonso Molina e da Pasaxe. Tamén se proxecta un novo acceso e unha pasarela en Matogrande.
TRIBUNAIS
Fernández Prado aproveitou este anuncio coas novidades na tramitación do Parque Ofimático para informar de que na Xunta de Goberno tamén se tomou coñecemento de tres sentenzas favorables ao Concello relacionadas con este polígono e que se interpuxeran contra o proxecto de reparcelación que o bipartito aprobou de xeito definitivo en 2010.
Fernández Prado mostrou a súa satisfacción por estes tres novos fallos xudiciais aos que se tivo que enfrontar o actual equipo de goberno en relación coas decisións urbanísticas dos anteriores responsables municipais, pois deste xeito se consolida o proxecto do Parque Ofimático e se concede maior seguridade xurídica.
A estas tres sentenzas súmase un cuarto fallo no que o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 da Coruña desestima o recurso da promotora que se encargou da reforma do mercado municipal da praza de Lugo. O tribunal rexeita todos os argumentos da empresa e as súas reclamacións patrimoniais. En concreto, ratifica a data de recepción das obras defendida polo Concello; avala a entrega de terreos en Vioño de acordo ao proxecto de compensación e o pagamento das liquidacións das obras; e corrobora o sistema de prazas de aparcadoiro en rotación -pois a empresa pretendía a cesión permanente de prazas-, así como as tarifas establecidas pola administración municipal. Fernández Prado indicou que as indemnizacións que reclamaba a promotora ascendían a máis de 8 millóns de euros.
LICENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno aprobou a concesión de licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento na cidade de 14,89 millóns de euros, o que eleva a cantidade dende o inicio do mandato ata os 225,66 millóns -só nas sesións celebradas este ano supéranse os 50,76 millóns-.
Entre os expedientes tramitados, a maior parte correspóndese coas políticas municipais de mellora da accesibilidade, o que tamén permitirá a xeración de emprego e actividade económica. En concreto, na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá autorizouse a instalación de ascensores en
catro inmobles (nas rúas Asturias, Real e Coronel Calaza e na avenida da Sardiñeira). Ademais, deuse permiso para reformar o portal e o ascensor de dous edificios (en Nicomedes Pastor Díaz e Mosteiro de Moraime) e para eliminar as barreiras arquitectónicas dun inmoble no Castrillón, o que facilitará o acceso ás persoas con mobilidade reducida.
REHABILITACIÓN
O Concello, por proposta da área de Rehabilitación, tamén deu luz verde a dúas subvencións. En concreto, concédese unha axuda municipal de 244.555 euros, o que supón o 80% do presuposto da obra, para a reforma da fachada e a cuberta dun edificio de 32 pisos no grupo de vivendas de Santa Cristina-Palavea e incluído na Área de Rehabilitación Integral (ARI); e unha segunda subvención de 41.622 euros para a zona do casco histórico.
Infraestructuras tamén executará as obras de pavimentación e impermeabilización da praza situada entre a avenida Dos mallos e a rúa Filipinas, así como a renovación da rúa Iberia. En febreiro, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto e hoxe autorizouse sacar a concurso as obras, cun presuposto de 409.827,86 euros e un prazo de execución de cinco meses.
ESCOLA INFANTIL
Flores tamén informou de que se aprobou o proxecto de segregación e posterior agregación dunha parcela de 579 m2 para ampliar as instalacións previstas na futura escola infantil da Sardiñeira, dentro do Plan Educa. Con esta decisión, incorpórase a parcela -actualmente dentro do ámbito do Instituto de Educación Secundaria A Sardiñeira- a outra lindante onde se levantará a escola infantil. Así, pásase dos 1.621 m2 iniciais aos 2.380. O acordo permite ao Concello garantir a máxima seguridade xurídica do proxecto e mellorar os equipamentos educativos do barrio.
EDIFICIOS MUNICIPAIS E PASARELAS PEONÍS
Na sesión desta mañá, tal e como adiantou onte o tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, acordouse a contratación da asistencia técnica para a elaboración de plans de intervención en 144 dependencias municipais, e a licitación do proxecto de reforma de
16 pasarelas peonís.
No primeiro caso, o Concello dedica un presuposto de 1.609.300 euros nos dous próximos anos para modernizar a xestión e o funcionamento das instalacións municipais, e para favorecer a atención aos cidadáns, ao tempo que supón aproveitar mellor os recursos públicos e unha maior eficiencia no consumo enerxético nos inmobles.
A Concellaría de Infraestruturas tamén reserva 549.400 euros para o plan de reparación de 16 pasarelas peonís en diferentes barrios da Coruña, o que permitirá emendar danos no pavimento, nas estruturas metálicas e de formigón, así como todas aquelas deficiencias que se poidan detectar a maiores durante a execución dos traballos. O obxectivo principal é coidar e homoxeneizar a imaxe das pasarelas (instalación de paneis de aluminio decorativos de varias cores), e favorecer a mobilidade e accesibilidade de veciños e peóns.











