O Concello chega a un acordo cunha das familias que se opoñían a abandonar o Parque Ofimático
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Urbanismo que dirixe Martín Fernández Prado, chegou a un acordo para o realoxar dunha familia do Parque Ofimático, nun piso municipal en réxime de aluguer. A vivenda, unha das 4 libres que o Concello dispón en Monelos, é de construción nova e o aluguer é social, moi por debaixo do prezo de mercado. A familia, que nun primeiro momento se opuxo a abandonar a zona, elixiu tanto o piso coma o barrio. Esta mañá, asinouse o contrato e fíxose o intercambio de chaves.
Fernández Prado explicou que esta é unha das 9 familias residentes no ámbito do colexio de Maristas, a zona onde se están a desenvolver as obras da primeira fase, e sinalou que o Goberno local continúa en contacto co resto de familias para buscar a mellor solución.
Neste sentido, recordou que, das 82 construcións, 63 se demoleron e as outras 19 que quedan pendentes (4 pertencentes á segunda fase e 6 situadas ao outro lado de Alfonso Molina, á parte das 9 da primeira fase), cuxos propietarios poderán optar, en función da orde de solicitude, a unha vivenda social en Monelos, Novo Mesoiro e Labañou. Esta medida, tal e como destacou Fernández Prado, permitirá acelerar o avance das obras e completar a urbanización.











