O Concello cede chan á Xunta para que instale un ascensor no colexio Montel Touzet
A Xunta de Goberno Local aprobará o próximo venres, 3 de maio, a cesión de chan do sistema de rede viaria para permitir á Xunta a instalación dunha rampla e unha plataforma horizontal que mellorará o acceso ao Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Montel Touzet. A este acordo súmaselle tamén a concesión da licenza para a instalación dun ascensor neste colexio da rúa Ferrarías, no Casco Histórico da cidade.
O Concello, por proposta da área que dirixe Martín Fernández Prado, tramitou a concesión demanial dunha superficie de 11,67 metros cadrados do sistema de rede viaria a favor da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o que mellorará a accesibilidade á porta principal do colexio público Montel Touzet, pois se instalará unha rampla e unha plataforma horizontal.
A aprobación deste expediente na Xunta de Goberno do próximo venres está vinculado a unha licenza que tamén se concederá nesta mesma sesión para a colocación dun ascensor neste inmoble educativo con catalogación estrutural e situado no ámbito do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI). O ascensor instalarase nun patio interior do edificio e comunicará a planta baixa coa primeira. Para salvar unha cota de 60 centímetros entre o vestíbulo de acceso ao colexio e a planta onde se situará o elevador, precisamente teranse que colocar as dúas ramplas.











