O Concello aproba axudas nominativas a asociacións veciñais e culturais por valor de 28.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira aprobou destinar máis de 28.000 € a subvencións nominativas a un total de quince asociacións veciñais, culturais e deportivas do municipio. A medida busca impulsar o traballo que realizan en pro da dinamización das súas respectivas parroquias.

Segundo se explicou o rexedor na última reunión plenaria, o listado de beneficiarios inclúe a todas aquelas entidades locais que se dirixiron nalgún momento ao concello para solicitar apoio económico para desenvolver nos seus ámbitos de actuación algún tipo de proxecto ou actividade ao longo do ano 2013.

Neste sentido, o primeiro edil avanzou a decisión do goberno local de utilizar este mesmo criterio en anos vindeiros, subliñando que a contía das axudas variará en función do número de peticións rexistradas.

No referente ao período 2013, cabe apuntar que recibirán o respaldo económico municipal, axustado aos seus proxectos, Amigos de Ladrido, ou noso Lar, Asociación cultural Río Baleo, ACR O Viso, Troula do Ortegal, ou Progreso do Ermo, Novo Club, AVV Veiga, AVV Couzadoiro, Libro Vivo de San Claudio, Asociación Meleiros, Club de Pádel Ortigueira, Asociación Carnaval de Espasante, AVV Santa Eulalia de Ladrido e Moto Club Ortegal.

Esta liña de axudas- un compromiso electoral dos populares- contribuirá, nun contexto económico especialmente complicado, a potenciar o traballo que desenvolven as distintas asociacións, colaborando no financiamento das actividades que realizan para mellorar a calidade de vida dos paisanos das súas respectivas parroquias.

Outros temas aprobados

O Pleno aprobou o pasado mércores manifestar a vontade do Concello de Ortigueira de adherirse expresamente ao convenio de colaboración subscrito entre Xunta e FEGAMP en materia de emerxencias e prevención de defensa contra os incendios forestais, para a creación e implantación de grupos de emerxencia supramunicipal (GES), asumindo as obrigas e compromisos derivados deste.

Neste sentido, cabe apuntar que ademais de facilitar as instalacións que acollerán a sede do GES, composto por doce membros e con ámbito de actuación supramunicipal que abranguerá ademais os municipios de Cariño, Cerdido, Mañón, Cedeira, Moeche, As Somozas, Ortigueira deberá financiar o 20% do persoal, asumindo a Xunta o 60% e Deputación da Coruña o 20% restante.

26 de abril de 2013 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.