O Concello abre o prazo de inscrición no Circuíto “Correndo por Ourense”, con 6 carreiras populares que percorrerán os barrios da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O Concello de Ourense abre hoxe, luns, día 8 de abril, o prazo de inscrición no Circuíto de Carreiras Populares Correndo por Ourense, que se desenvolverá durante os meses de abril a outubro por distintos barrios da cidade.

A iniciativa propón unha carreira ao mes -con excepción do mes de agosto- polos seguintes barrios: O Vinteún (28 de abril); O Couto (25 de maio); Carreira Nocturna do Corpus, polas marxes do río Barbaña (29 de xuño); A Ponte (20 de xullo) a zona universitaria (29 de setembro) e A Carballeira (27 de outubro).

Esta actividade ten como finalidade animar aos cidadáns de Ourense a que desfruten de practicar deporte, dándolle protagonismo aos diferentes barrios da cidfade. Fomentar a participación segue sendo o obxectivo desta terceira edición, despois de que o ano pasado se inscribiran no circuíto un total de 1.535 persoas, cifra que se confía en aumentar neste ano 2013.

Inscricións na web

Os interesados poden inscribirse na páxina web www.deportesourense.com, dende hoxe, luns, día 8 de abril, e ata o mércores anterior a cada unha das probas, volvéndose abrir o prazo o luns seguinte a cada unha delas. A inscrición para todo o circuito custa 5 euros para as categorías junior, promesa, senior e veteranos, e será gratuíta para as demais categorías (pitufos, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil). Na mesma web poden obter máis información sobre regulamento e resultados.

Correndo por Ourense, que chega este ano á súa terceira edición, está organizado polo Consello Municipal de Deportes e Concellería de Deportes do Concello de Ourense, coa colaboración do colexio Divino Maestro, do Club Esprintes Ourense, a Delegación Ourensana de Atletismo, o Club Atletismo Ourense, o Club Deportivo Aurum e a Asociación de Veciños Carlasca, e o patrocinio de La Caixa, Gadis, Turini, Coca Cola e Pérez Rumbao.

8 de abril de 2013 | 10:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.