O comercio e a hostalería danlle un notable alto á Feira Medieval
A concellería de Cultura, ademais de interesarse por coñecer a opinión dos profesionais que participaron na Feira Medieval, tamén realizou unha enquisa entre os comerciantes e hostaleiros con negocios nas proximidades do ámbito de celebración do evento festivo.
O obxectivo desta enquisa era coñecer o seu grao de satisfacción e o seu parecer sobre diferentes aspectos da celebración.
As enquisas realizáronse entre 113 persoas, praceiros, comerciantes e hostaleiros, e coas mesmas pretendíase coñecer a súa opinión sobre diferentes apartados da cita festiva: valoración xeral, da organización , dos resultados económicos, da animación, do engalanado das rúas e da duración da Feira. Os datos que a continuación se ofrecen responden ás opinións vertidas nesas 113 enquisas.
O 73 % dos enquisados abriron os seus establecementos durante toda a xornada.
No que respecta ó grao de satisfacción xeral, a nota media global foi de 4,2 puntos sobre 5. O 90 % dos enquisados manifestaron estar bastante ou moi satisfeitos coa Feira en xeral.
Outra das preguntas referíase ó grao de satisfacción coa organización da Feira, obtendo unha nota media global de 4 puntos sobre 5. O 78 % manifestaron estar bastante ou moi satisfeitos coa organización do evento festivo.
En canto ós resultados económicos obtidos polos seus negocios con motivo da celebración da Feira Medieval, o 50 % dixeron estar bastante ou moi satisfeitos. A nota media global deste apartado foi de 3,4 puntos sobre 5.
O 88 % das 113 persoas do pequeno comercio e a hostalería que responderon a esta enquisa manifestaron estar bastante ou moi satisfeitas coas actividades e a animación da Feira Medieval, outorgando unha nota media global de 4,2 puntos sobre 5.
No que se refire á decoración e engalanado das rúas a nota media global foi 4 puntos sobre 5. O 79 % dos enquisados dixeron estar bastante ou moi satisfeitos con este aspecto da Feira Medieval.
Por último, o comercio e a hostalería local manifestaron de maneira moi clara o desexo de que a Feira Medieval se celebre durante dous días. O 94 % das persoas enquisadas decantáronse por esta opción, aínda que o 50 % das mesmas prefiren que a Feira Medieval se celebre o venres e o sábado e o 50 % restante o sábado e o domingo.











