O ciclo Poetas Di(n)versos continúa durante o próximo trimestre na Ágora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá, xunto á coordinadora do proxecto, Yolanda Castaño, a programación do próximo trimestre do ciclo Poetas Di(n)versos, que se desenvolverá durante os meses de abril, maio e xuño no centro Ágora: “Estamos moi satisfeitos do éxito que tivo o único ciclo estable de Galicia dedicado á poesía e confiamos en que esta expectación e boas sensacións se consoliden grazas á orixinalidade na formulación e no seu desenvolvemento”, afirmou a responsable municipal.

A nova edición do ciclo de recitais poéticos dobres que comezou en outubro co curso académico concluirá tamén con el, tras un último trimestre de versos recitados nas súas linguas orixinais. Poetas de Italia, os Balcáns e Brasil recitarán na Ágora nos próximos meses, sempre ao lado dunha figura galega, en sesións gratuítas e abertas a todo o mundo, coa vontade de achegar a poesía á cidadanía coruñesa e galega.

Ana Fernández sinalou que sempre na busca da máxima calidade literaria, así como da maior diversidade a nivel de xénero, xeración, estilo e forma de concibir a poesía, o ciclo Poetas Di(n)versos ofrece unha mostra ampla e representativa da poesía contemporánea mundial, ao tempo que se promove a escritura en galego. O ciclo constitúe a única programación estable de poesía de toda España que inclúe autores locais e internacionais.

Tal e como explicou Ana Fernández, o ciclo ten a súa seguinte cita o próximo luns 22 de abril co italiano Claudio Pozzani e o poeta vigués Manuel Forcadela. Ambos os dous autores demostran que a vontade experimental e o emprego doutros recursos expresivos para enriquecer a poesía non son só patrimonio das últimas fornadas de creadores. Os dous introducirán elementos sonoros ou videográficos na súa actuación.

O ciclo continuará o 6 de maio cos autores Olalla Cociña (Viveiro, Lugo) e o macedonio Nikola Madzirov, un dos nomes imprescindibles da poesía europea dos próximos anos e que presenta o seu primeiro libro traducido ao castelán. A última sesión da tempada será o 3 de xuño, con creadores, que tenden a man a outras linguaxes creativas: Branca Novoneyra apoia os seus versos na danza contemporánea e o brasileiro Márcio André, no son e a performance.

Todos os actos do último trimestre desta edición de Poetas Di(n)versos, que se desenvolverán o 22 de abril, o 6 de maio e o 3 de xuño ás 20.30 horas na Ágora, son gratuítos para todo o público interesado que, ademais, poderá solicitar a firma dos escritores invitados.

16 de abril de 2013 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.