Ferrol acolle as mostras “Loureiro. Perfís de realidade” e “Afluentes 80. Debuxando un mapa”

Presentación da programación
O concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, presentou esta mañá a programación do Centro Cultural Torrente Ballester (CTB) que integra a tempada de primavera. Ademais, estivo acompañado do artista ferrolán Loureiro e de dous dos comisarios das mostras. A inauguración das exposicións Afluentes 80. Debuxando un mapa e Loureiro. Perfís de realidade será o vindeiro venres 12 de abril as 20:00 horas; rematando a primeira o 30 de xuño e a do artista ferrolán o 30 de agosto.
Loureiro. Perfís da realidade conecta directamente coa anterior retrospectiva que encheu as salas do CTB hai máis dunha década. A exposición que se inaugurará a próxima semana, enfróntanos a un percorrido polo traballo dos últimos dez anos dun artista intuitivo, curioso e observador e fiel a unha estratexia pictórica. O autor inspecciona as posibilidades da paisaxe experimentando co volume, interpretando os efectos lumínicos, a perspectiva e a profundidade nas case 200 obras que integran a mostra. Así, o artista ferrolán compón un universo creativo que engloba técnicas como a pintura, a escultura ou a instalación; centrando sempre a mirada na estratexia pictórica.
Na súa obra inflúen movementos como o minimalismo e o construtivismo, o expresionismo abstracto de autores como Mark Rothko e os fundamentos racionais e funcionalistas da arquitectura de Le Corbusier. Ademais, a compenetración coa obra de Giorgio Morandi engade á súa obra o refinamento, a sutileza técnica e un lirismo impregnado de luz e misterio. García Hurtado sinalou que “ Loureiro é un deses artistas polos que a xente vai ao Torrente Ballester” e recordou que Ferrol é “unha cidade onde hai talento artístico”. Así mesmo, o edil de Cultura salientou que “o centro sempre estará aberto a este tipo de artistas” e “nos honra que desenvolvan a súa actividade na nosa cidade e que leven o noso nome polo mundo adiante”
Afluentes 80. Debuxando un mapa, a segunda exposición do proxecto Afluentes, percorre a figuración na arte galega dende os anos setenta. Os oitenta foron anos de cambios políticos e sociais, de ansias de pechar dunha vez cun tempo cincento, tradicionalista e opresor co que non era posible outra postura que a da oposición. O proxecto expositivo e editorial está composta por unha selección de grandes artistas que traballaron colectivamente, moitos deles vinculados ás exposicións de Atlántica, conxuntamente con outros de traxectoria máis individual e solitaria. Os 19 participantes da mostra son: Darío Álvarez Basso, Guillermo Aymerich, Jorge Barbi, Vari Caramés, Tono Carbajo, Bosco Caride, Ángel Cerviño, Xosé Freixanes, Roberto González Fernández, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Juan Martínez de la Colina, Din Matamoro, Pamen Pereira, Isaac Pérez Vicente, Armindo Salgueiro, Xesús Vázquez, Manuel Vilariño e Antón Patiño. A iniciativa froito da colaboración e coproducción do Concello de Ferrol e Novacaixagalicia está integrada por tres exposicións. Así mesmo, compre subliñar que a cidade de Ferrol será a única que acollerá as tres mostras do proxecto Afluentes.
Por último, o artista ferrolán Loureiro quixo agradecer ao Concello de Ferrol que lle cedera unha vez máis as salas de exposición do Centro Cultural Torrente Ballester e recoñeceu ter “un grato recordo da última exposición no centro”.











