A Torre de Hércules contará cunha guía e un tríptico sobre os valores do Faro
O Concello saca a contratación a edición dunha guía e un tríptico para o Centro de Interpretación e Atención de Visitantes da Torre de Hércules, co obxectivo de realizar unha difusión específica dos valores do faro cara a un público máis amplo. Tanto o tríptico coma a guía estarán editados en castelán, galego, inglés e francés.
A elaboración destas dúas publicacións obedece á demanda dos usuarios do Centro de Interpretación que, dende a súa apertura, manifestaron o seu interese nun formato que recompile toda a información que se ofrece neste centro. As dúas publicacións englobarán todos os datos compilados durante cinco anos por un grupo de profesionais de diferentes disciplinas. A información, baseada no coñecemento previo da Torre, explica a evolución que seguiu o faro ao longo dos séculos dende a súa construción.
Coa realización dunha guía e un tríptico que recollen estes contidos, axúdase o visitante a asimilar a información que recibe no Centro de Interpretación. Ademais, permite comprender mellor a visita ao monumento e ampliar a comprensión da musealización do Centro de Interpretación, incluíndo explicacións máis extensas sobre os elementos que se exhiben na sala. Estas publicacións contan cun presuposto de 42.560 euros e están financiadas polo Ministerio de Cultura.











