O centro cívico de Caranza acolle o programa educativo e interactivo “Poesía en movimiento”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira do barrio de Caranza, Rosa Martínez Beceiro, presentou esta mañá o Programa Interactivo de Introdución ao Teatro “Poesía en Movimiento” dirixido a persoas con discapacidade que chega hoxe ao Centro Cívico de Caranza da man da Deputación Provincial da Coruña. No acto, a edil estivo acompañada pola actriz Blanca Marsillach e o actor Xabier Olza que forman parte do elenco de intérpretes.

Na súa intervención, Martínez Beceiro explicou que “participarán persoas de entidades sociais da cidade como a Asociación Teima Ferrol e tamén a alumnos/as de Chamorro”; e engadiu que “esta experiencia xa se realizou o ano pasado con moito éxito”. Ademais, agradeceu á compañía que pensará na cidade naval para este tipo de iniciativas porque “é unha maneira de concienciar á xente nova e de educala na integración total das persoas con maior dificultade para a inserción social e laboral”.

Esta versión da obra “Una noche blanca con los clásicos” de Adolfo Marsillach, adapta os textos ás características do público onde se inclúen poesías sinxelas, divertidas e pegadizas. Unha selección de textos dos mellores versos dos séculos XVI e XVII, escritos por poetas como Garcilaso de la Vega, Lope de Vega ou Calderon de la Barca; acompañados polas composicións musicais que arrincando das Cantigas de Alfonso X O Sabio chegan ata Cristóbal Morales, Antonio de Cabezón e Tomás Luis de Victoria. En definitiva, o programa educativo une a música, a poesía e o movemento. Así, os participantes realizan sinxelos exercicios, compoñendo poesías, bailando mentres realizan exercicios de psicomotricidade; o que contribúe na súa autoestima e as súas habilidades sociais.

Na iniciativa promovida pola Deputación da Coruña e organizada pola Compañía de Blanca Marsillach e Varela Producciones participan máis de 700 persoas de toda a provincia ao longo de seis sesións realizadas entre o martes 23 e o xoves 25.

25 de abril de 2013 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.