O CEIP Fogar da capital municipal conta con novos xogos no patio para os nenos e nenas de Educación Infantil

O rexedor visitando o CEIP cos novos xogos
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Concelleira de Educación, Mar Eirís, visitou hoxe o CEIP Fogar da capital municipal para ver os novos xogos do patio para os cativos e cativas de Educación Infantil do centro de ensino. Así, a pasada semana instalouse un novo balancín, así como un mini autobús e unha casiña-tobogán que conta ademais cun mini rocódromo. O investimento realizado polo colexio é de 9.000 euros, mentres que o Concello cedeu a cortiza protectora para o chan que acabará de colocarse nos próximos días. Os novos xogos, da empresa Galopín, cumpren con toda a normativa de seguridade, ademais de contaren con madeira tratada para satisfacer o requisito de durabilidade e ao mesmo tempo ser seguro para os nenos e nenas. O director do CEIP Fogar, Fernando Garea Vidal, quixo agradecerlle ao Concello a súa colaboración coa cesión da cortiza, así como “pola atención que tendes sempre co centro”, mentres que a Concelleira Mar Eirís manifestou a vontade da administración local de seguir colaborando co centro no futuro en todo aquilo que sexa posible. Hai que subliñar que nos últimos tempos o centro ten experimentado diversas melloras, especialmente dende que se realizaron os traballos para a eliminación das súas barreiras arquitectónicas.
Así, tense realizado un repintado dos corredores, ademais dunha reforma da biblioteca. A directiva do centro espera poder seguir realizando pequenas melloras no futuro. No que respecta á eliminación de barreiras arquitectónicas, hai que lembrar que os traballos supuxeron a supresión de moitas eivas, como os escalóns existentes en todos os corredores do centro, as escaleiras dos patios ou dos accesos exteriores, ou desniveis interiores que houbo que salvar con ascensores. En total, construíronse 9 ramplas interiores e 5 exteriores, ademais de 2 elevadores no interior do edificio para comunicar as áreas de Infantil e de Primaria. O proxecto incluíu, así mesmo, a mellora da instalación eléctrica e do alumeado dos pasillos. A actuación foi realizada a través dunha achega da Deputación provincial que contou cun orzamento de 184.278,63 euros. Por último, tamén hai que mencionar que durante a visita o equipo directivo comentou que o venres 3 de maio está previsto que os bombeiros acudan ao centro para realizar simulacros no patio a partir das 11.00 horas.











