O Carballiño programa un simulacro de evacuación en distintos puntos da zona urbana
O alcalde do Carballiño mantivo recentemente unha reunión co responsable de Protección Civil e co xefe da Policía Local, co fin de iniciar unha serie de simulacros de evacuación en distintos puntos da zona urbana carballiñés que, entre outros, servirá para coñecer as posibles deficiencias na ordenación do tráfico, mobiliario urbano e elementos móbiles, e poder finalizar o plan de seguridade e emerxencia da vila do Carballiño.
Un dos primeiros simulacros realizarase na zona da praza dos Irmáns Prieto, onde se encontra o colexio Sagrado Corazón, e varias entidades bancarias, negocios e oficinas. Tanto dende o propio colexio, coma do AMPA deste centro, e algúns negocios da zona, contactouse co concello para informar dos inconvenientes de situar a feira nesa praza. Por iso a intención do alcalde é realizar un simulacro de evacuación nesa zona, e poder ver as necesidades ou os cambios que se poidan realizar.
A zona da rúa Principal e os seus colaterais serán tamén escenario destes simulacros nos próximos meses, ao ser vías de gran concentración. Intentarase que estes simulacros se leven a cabo en días sinalados, para previr todo tipo de incidentes.
Outra das xestións que realizará o concello no sentido de seguridade será contactar con todos os centros educativos da vila para coñecer os seus plans de seguridade e emerxencias, e desta forma poder realizar un plan global tanto dende dentro coma dende fóra destes centros. O mesmo acontece cos edificios municipais e públicos en xeral.
Por último dende o departamento de Obras estase a controlar a colocación de calquera mobiliario urbano, para evitar que o ornato das rúas impida os accesos de vehículos de emerxencias, ou o traballo dos axentes e corpos especiais. No mesmo sentido tamén se está a planear a reorganización da circulación do tráfico rodado, pensando sempre na maior seguridade dos veciños.
Argimiro Marnotes destacaba que vivimos nunha vila tranquila e segura, pero todo o que fagamos para aumentar esa seguridade sempre será pouco, e non podemos esperar a que sucedan as cousas para tomar medidas. En temas de seguridade sempre temos que intentar ir por diante”.











