O cabaret “Ultranoite do Aquí” chega a Pontevedra da man de Chévere
A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro presentou esta mañá acompañada de Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo do grupo Chévere, unha nova aposta do Concello de Pontevedra e o Pazo da Cultura: A “Ultranoite do Aquí”. A “Ultranoite” é, segundo destaca Miguel de lira, un formato que naceu hai xa preto de 21 anos na Sala NASA, e que ao pechar esta, se desprazou a Teo onde Chévere ten a súa residencia habitual.
Ao longo destes anos, nelas participaron entre outros Luis Tosar, Mofa e Befa, Quico Cadaval e ata Vidal Bolaño, gran espectador das “Ultranoites” nas que chegou a amosar a súa faceta máis teatral, participando incluso en algún scketch. En homenaxe á figura de Vidal Bolaño, ao que se lle adicará este ano o Día das Letras Galegas, aos 10 anos da súa desaparición e ás “Ultranoites” que compartíu na NASA, Chévere, anfitrión do espectáculo, deu en chamalo “Ultranoite do Aquí” en lembraza da compañía de Bolaño (“Teatro do Aquí”).
Este cabaret colectivo no que participan máis de 15 persoas, fai escarnio da actualidade, unha actualidade que está viva e mutando, que non abarca só a realidade local senón de España e Europa “dende unha mirada cheveriana e nesta ocasión tamén bolañana, na que non deixamos títere con cabeza” di Miguel de Lira. Patricia de Lorenzo destaca tamén ese aspecto do que a xente se sorprende ao descubrir como “incorporamos datos da actualidade desa mesma tarde ao reescribir guións, pero que pese a súa espontaneidade é froito do traballo de moitos anos, de horas de súar e escordarse (xa que tamén hai coreografías).”
Este espectáculo de cabaret, que se celebrará no Pazo da Cultura os días venres 26 e sábado 27 de abril ás 22:30 horas, ven facer realidade un programa no que xa se pensara o ano pasado, comenta a concelleira: “É a primeira vez que se produce un espectáculo no vestíbulo do Pazo da Cultura, que se vai acondicionar para a ocasión”.
Una experiencia pioneira en Pontevedra, que ademáis do seu formato inédito, variado e exitoso, “un producto galego por excelencia” permitirá que o público asistente, distribuído arredor de pequeñas mesas, goce do espectáculo ao tempo que “coma en todo cabaret que se precie, tome unha copa coa pandilla: un plan perfecto que convida a cruzar o río”, anima Miguel de Lira, agardando que esta aposta innovadora sexa todo un éxito e emprazando a mercar as entradas a partir de mañá en servinova, para que non haxa risco de quedar sen elas na billeteira. Un total de 200 localidades por sesión que terán un custe de 12 euros + gastos de tramitación ou 10 euros máis gastos para os estudantes, parados e xubilados.











