O barrio de Caranza conta dende hoxe co seu propio boletín informativo

Presentación do boletín
A concelleira do barrio de Caranza, Rosa Martínez Beceiro, participou hoxe na presentación do novo boletin informativo da Asociación de Veciños desta zona da cidade, xunto con María del Pilar Rodríguez Venancio, directiva da entidade.
Un total de 5.000 unidades forman a tirada deste boletín, no que se recolle información sobre recursos de entidades, empresas e actividades que se levarán a cabo durante os meses de abril, maio e xuño no barrio de Caranza. Rosa Martínez sinalou “a variedade da programación ofertada” dedicada ao ocio, a cultura, o deporte e a formación; ademais da importancia que ten a labor social para este barrio.
O obxectivo desta iniciativa é que os veciños estean informados sobre as actividades que se levan a cabo na zona. O inicio da programación será mañá venres cunhas conferencias sobre saúde ás 19:00 horas no Centro Cívico de Caranza; ademais, entre as actividades atópanse a “I Marcha Ciclista”, un mercadillo de segunda man en beneficencia da cociña económica, proxeccións de películas, charlas sobre técnicas de procura de emprego, un taller de memoria e exposicións. A edil do barrio manifestou que as iniciativas son innovadoras e que “o movemento asociativo tan activo é unha riqueza para o barrio”. Ademais, engadiu que “é unha asociación de veciños cun gran interese e preocupación polos temas sociais”.











