O Ballet Folclórico Nacional de Cuba abre mañá en Vilagarcía a súa xira por España
Vilagarcía é o lugar elixido polo Ballet Folclórico Nacional de Cuba para inaugurar a súa xira por España que levará á prestixiosa compañía caribeña a actuar en 23 23 cidades do territorio nacional, incluída Madrid, onde pecharán ao seu paso polo noso país. A compañía dirixida por Manolo Micler actúa mañá, mércores 9 de abril, no Auditorio Municipal, polo que os vilagarciáns e os veciños da contorna serán os primeiros en gozar das coreografías de “Okún”, o último espectáculo do ballet.
As entradas para asistir á estrea en España de “Okún” pódense comprar de xeito anticipado a través da web www.servinova.es e do teléfono 902 504 500. Tamén se venderán mañá na billeteira do Auditorio dende as sete da tarde e ata o inicio do espectáculo que comezará ás nove da noite. O prezo é de 12 euros.
O Ballet Folclórico Nacional de Cuba creou “Okún” para celebrar os seus 50 anos de vida. Este espectáculo recolle o mellor e máis representativo da labor coreográfica desenvolvida durante est5e tempo pola compañía cubana . Dirixidos polo seu director e principal coreógrafo, Manolo Micler, bailaríns, deseñadores, coreógrafos, músicos da compañía e artistas invitados, vólcanse na celebración deste místico medio centenario de éxitos nacionais e internacionais. Non en vano o Ballet Folclórico Nacional de Cuba está catalogado como unha das mellores compañías de folclore de América Latina e do mundo. O seu alto nivel técnico e a busca nas fontes ancestrais da cultura cubana e latinoamericana quedan impresas na riqueza visual das súas producións.
Avalado pola crítica en Cuba, e como celebración destes cincuenta anos de éxito polos escenarios de todo o mundo, “Okún” expresa a raíz da música e a danza, a fusión do folclore con outros ritmos e danzas que evolucionaron dende as súas orixes africanas ata nosos días. Un espectáculo vibrante e rítmico, apaixonado e extraordinariamente visual con cambios de vestiario e escenarios que evocan tradicións populares con asombrosas pezas coreográficas sostidas polo virtuosismo dos seus bailaríns e coas que a compañía empéñase en amosar con toda a esixencia e rigor técnico as tradicións ancestrais da danza afrocubana.











