O Auditorio Municipal de Cedeira ofrece este sábado a representación de “Nuncabunga”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCedeiraLocal
A-
A+

Os veciños de Cedeira poderán disfrutar este sábado, 27 de abril, da obra teatral “Nuncabunga”, recoñecida recentemente co galardón ao Mellor Espectáculo na XVII dos Premios María Casares de Teatro. Un galardón que, por primeira vez na historia do certame, recaía nunha peza infantil. A representación, a cargo da compañía Elefante Elegante, terá lugar no Auditorio Municipal da vila, a partires das 20 horas e con prezo das entradas a 2,5 euros. Unha función incluída na programación cultural do Concello de Cedeira.

“Nuncabunga” é un espectáculo cómico e poético sen palabras. María Torres e Gonçalo Guerreiro dirixen e interpretan a obra, dirixida a un público familiar e infantil. A acción desenvólvese nun espazo que evoca a cercanía co mar. Alí vive unha persoa que, nun recanto, construíu o seu fogar. Un día de temporal aparece un forasteiro enmarañado nunhas redes. Sen casa nin comida, está decidido a quedarse.

25 de abril de 2013 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.