O Auditorio Municipal de Cedeira ofrece este sábado a función teatral “Pim, Pam Clown”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCedeiraLocal
A-
A+

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este sábado, 20 de abril, a representación da obra teatral “Pim, Pam Clown” da compañía NNC Teatro. As entradas para ver o espectáculo, incluído na programación cultural municipal, poden adquirirse na taquilla ao prezo de 2,5 euros. Dirixida a un público familiar, está baseada no texto de Tomás Afán, e logrou o premio á mellor interpretación feminina –para Beatriz Méndez– e mención ao mellor espectáculo na Mostra de Teatro da USC.

Dirixida pola propia Beatriz Méndez e Roi Méndez, ten unha duración duns sesenta minutos. A obra desenvolve as principais características do clown: a inxenuidade, a fanfurriñada, a curiosidade, o asombro… A partires destes caracteres, o texto trenza un argumento en torno á guerra que, sempre aderezado con humor e con certo surrealismo, fai fincapé nas tremendas doses de absurdo que sempre están detrás de calquer enfrontamento armado. E deste xeito, presenta personaxes tan paradóxicas como as do clown que ama tanto as bandeiras que sería capaz de morrer pola súa e ata pola bandeira dos inimigos, ou o xeneral clown que tenta convencer a dous paiasiños pacifistas de que a guerra é un xogo moi “díver” e apenas perigoso aínda que haxa xente despistada que vai e choca coas balas, ou xente parviña que vai e métese xusto nos sitios onde van caer as bombas. En fin, un catálogo de “situacións” bélicas que, a través do humor, pretende invocar á tolerancia e á solución pacífica dos conflitos como bálsamo necesario nestes tempos.

18 de abril de 2013 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.