O alumnado do Parga Pondal e o Alcalde súmanse á campaña “Gústame o galego”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Rexedor e alumnas no photocall

Rexedor e alumnas no photocall

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o Concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, e o alumnado e profesorado do IES Isidro Parga Pondal da capital municipal veñen de sumarse á campaña “Gústame o galego” que pretende visibilizar o apoio individual de persoas ao proceso de normalización lingüística a través de fotos con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversos ámbitos e situacións. De 10.00 a 13.00 horas rapaces e rapazas foron pasando por un pousadoiro no que plasmar a través dunha imaxe o sentir de cada un acerca do idioma. Os obxectivos desta acción son visibilizar e difundir o apoio de persoas a nivel individual ao proceso de normalización lingüística, favorecer que persoas de todo tipo e de todas as idades se impliquen e posicionen a prol do fomento do galego, provocar unha mínima reflexión sobre a necesidade de fomento do galego en distintos ámbitos e situacións e achegar tanto a espazos públicos como á rede e aos medios mensaxes favorables a prol da normalización lingüística en todos os ámbitos, e facéndoas visibles a través de persoas concretas. O Alcalde escolleu o lema “…que no deporte o galego non quede en fóra de xogo”, mentres que Xosé Regueira optou por “…poder entenderme en galego con máis de 200 millóns de persoas”.

Todas as fotos que se sacan nos diversos lugares por onde vai pasando a campaña son difundidas despois nas redes sociais, e pódense ver no enderezo <www.gustame.gl> a través de Facebook. Tamén se pode ver un pequeno vídeo sobre a campaña en Youtube. Nesta optimista, enérxica e exitosa campaña que agora chega a Carballo xa participaron nos diversos lugares nos que estivo máis de 1.000 persoas a nivel individual, tanto anónimas como coñecidas, como por exemplo Luís Tosar, Luís Iglesia, Yolanda Castaño, Tonhito de Poi, Mónica Caamaño, Rubén Riós, Manuel Rivas, Touriñán, Federico Pérez, Comba Campoi, etc. A campaña está desenvolvida pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e para a súa visita a Carballo conta coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello. Antes de chegar á capital de Bergantiños pasou por Pontevedra, Silleda, Carnota, Vigo, Ourense ou Santiago, e nas próximas semanas estará por Ames, A Coruña, Ferrol, Moaña, Narón, Burela, etc. Hai que lembrar tamén que o martes 16 de abril a iniciativa tamén estará no IES Alfredo Brañas da capital municipal.

11 de abril de 2013 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.