O Alcalde insiste en que non se fará nada no ámbito da Torre sen o visto e prace da UNESCO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, reiterou esta mañá que o Goberno local non realizará ningunha actuación no ámbito da Torre de Hércules que non conte co visto e prace da UNESCO: “O Plan Xeral de Ordenación Municipal di claramente que todo o que se faga no ámbito ten que ter o visto e prace da UNESCO e non impedir as vistas dende e cara ao monumento. Ten que contar coa supervisión e autorización de Patrimonio”, asegurou.

Neste sentido, o Alcalde informou de que é a primeira vez que un plan xeral fala en profundidade do patrimonio histórico da cidade, “un tema presente no ADN coruñés”, con actuacións como o Plan de Murallas ou a posta en valor da Coiraza. Con respecto aos veciños que pediron a protección da Torre, Negreira mostrouse encantado: “Canta mais xente se some” a esta marea branca” “en defensa da Torre, mellor,” asegurou e recordou que o novo plan xeral impide a “marea negra” provocada polo bipartito coa aprobación, en decembro de 2009, da construción de “seis mamotretos” no Agra de San Amaro.

PARO

Con respecto aos datos da EPA, o Alcalde recoñeceu que non son bos para o conxunto da comunidade e do país, pero que o comportamento da cidade “é excepcional”. A cifra baixou do 17,9% ao 16,9% e resiste mellor que outras cidades galegas: “Pero isto non abonda, queremos seguir loitando para que todos os parados e paradas teñan un proxecto de futuro e poidan traballar”, subliñou.

Negreira recoñeceu que unhas cidades se comportan mellor que outras fronte aos datos do paro e sinalou que, a pesar da actitude dos socialistas fronte ás políticas que se están a realizar, en cidades nas que gobernan, como Vigo, a taxa de paro é 8 puntos superior á da Coruña. “O noso compromiso segue sendo o emprego e xerar actividade económica. Para iso continuaremos fomentando a cooperación e colaboración con actores tanto públicos coma privados”, afirmou e recordou que a cidade é a única do noroeste español que conta con fondos europeos para o proxecto de Smart City.

25 de abril de 2013 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.