O alcalde do Carballiño asistiu ás charlas de seguridade no rural

O rexedor nunha das charlas
O alcalde do Carballiño xunto coa edil de Veciñanza, asistiron ás charlas de seguridade que se están a impartir pola zona rural carballiñesa. Argimiro Marnotes agradeceu á Garda Civil, encargados de ofrecer estas charlas, a información que estaban a dar aos veciños “é algo moi importante este tipo de charlas, e que mellor que contar coa experiencia da Garda Civil para ofrecer datos e consellos útiles. Ademais tamén a nosa Policía Local está a informar sempre que se achegan polas parroquias dalgunhas medidas de seguridade para evitar roubos, enganos ou estafas,”. Antes da charla algún veciño achegouse a falar co alcalde e a edil, mostrando a súa satisfacción por esta actividade, recordando que fai poucos meses xa intentaran realizar un engano pola zona, e que grazas a esta información están máis atentos a estes contratempos.
A charla tivo lugar no centro veciñal de Veiga, e a ela acudiron veciños desa parroquia, así como de Longoseiros, Mudelos e Madarnás. A primeira das charlas tivo lugar o pasado xoves na parroquia de Santa Uxía, contando tamén coa presenza de veciños de Piteira e Pol. O ciclo continuará durante este mes, o 25 de abril no Torrón, xunto cos veciños de Señorín e Partovia. Tamén están previstas charlas de seguridade no rural durante o mes de maio, aínda que están aínda sen quentar.











