O alcalde delega en Ana Granja as competencias en Urbanismo, Vías e Obras

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Vilagarcía de Arousa ▼
A-
A+

O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, asinou esta mañá o decreto  no que se establecen as competencias que asumirá Ana Granja Otero, a concelleira que se acaba de incorporar ao goberno municipal do Partido Popular para cubrir a vacante deixada por Marta Rodríguez. A nova edil encargarase da Área de Urbanismo, Vías e Obras. A redistribución das delegacións afecta tamén ao concelleiro Jesús Longa que asume as responsabilidades da Área de Medio Ambiente e Servizos, na que se inclúen as relacións cos veciños do rural.

Como titular da Área de Urbanismo, Vías e Obras, Ana Granja será responsable dos ámbitos de Mantemento das vías e espazos públicos urbanos e rurais; Accesibilidade; Supervisión das brigadas de servizos externos; Seguimento da xestión e competencias da Xerencia Municipal de Urbanismo e coordinación nas funcións asignadas ao persoal adscrito á mesma.

O alcalde delega en Ana Granja unha das áreas máis importantes nun Concello, a de Urbanismo , unha responsabilidade que ata o momento asumía directamente Fole. O rexedor explicou que a asignación das competencias da nova concelleira decidiuse en función do seu perfil e da súa traxectoria profesional. “Ana Granja é unha persoa altamente cualificada en todo o relacionado coa obra pública e privada, a construción e co urbanismo, de aí que reúna todas as características necesarias, tanto de formación como de experiencia laboral, para desenvolver con total solvencia e profesionalidade as funcións que se lle asignan dentro do goberno local”, expuxo Fole.

Delineante de profesión, Ana Granja Otero conta cunha ampla experiencia no sector da construción ao ter traballado durante toda a súa vida profesional en diversas empresas deste ramo, tanto na realización de obras civís, como estradas e todo tipo de obra pública. De feito, traballou como delineante, xefe de obra e encargada en firma como Gumersindo Rodríguez Eirea, Ediserpo ou Covsa, entre outras.

O reparto de delegacións propiciado pola entrada de Granja no equipo de goberno tamén contribúe a aliviar a carga de traballo do concelleiro Jesús Longa, que ata agora asumía integramente a Área de Obras e Servizos. O concelleiro asumirá a Área de Medio Ambiente e Servizos, que inclúe as competencias en materia de parques, Xardíns, praias e medio Ambiente; Policía en materia de vertedoiros incontrolados; Xestión de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria e abastecemento de auga potable; Rede de sumidoiros; Alumeado público; Relación cos veciños do rural e Comunidades de Montes e Mellora do Medio Rural.

Presentacións

A nova concelleira xa se incorporou as súas funcións no Concello poñéndose ao corrente dos asuntos e proxectos dependentes da súa Área de traballo. Hoxe mesmo foi presentada polo alcalde aos funcionarios e traballadores dos servizos e departamentos do Concello que pasan a estar baixo a súa responsabilidade, presentacións que rematarán mañá coa visita á sede do Servizo de Obras, en Trabanca Badiña.

4 de abril de 2013 | 16:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.