O alcalde de Ferrol visita ao cadro directivo, técnico e xogadores do Racing de Ferrol

Rey Varela saudando aos xogadores
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, acudiu esta tarde ao Estadio Municipal da Malata para desexarlle sorte ao cadro de técnicos e xogadores do Racing de Ferrol na fase de ascenso a 2ª B, que o equipo da cidade disputará tras proclamarse campión de 3ª división. Na visita, o rexedor municipal estivo acompañado da concelleira responsable da Área de Deportes, Susana Martínez Galdós, e do edil da área de Medio Ambiente e vocal no Consello de Administración do club deportivo, Guillermo Evia. Asemade, durante a mesma tamén tivo ocasión de entrevistarse co presidente do Racing, Isidro Silveira.
Rey Varela fixo un chamamento ao conxunto da cidadanía para que apoien ao Racing de Ferrol nas eliminatorias de ascenso que en breve comezará a disputar. “Por historia, tradición e afección, Ferrol merece que o equipo da cidade, o Racing, estea, cando menos, en Segunda”. “O Racing é o embaixador da cidade alí onde xoga e, polo tanto, contribúe a difundir a imaxe do municipio e a marca Ferrol”, manifestou Rey Varela. Así, o rexedor municipal solicitaba a asistencia masiva de toda a cidadanía ferrolá á Malata nos encontros do play off polo ascenso. “Creo que o Racing necesita o apoio e o cariño da súa cidade e de tódolos ferroláns logo de ter demostrado a súa valía, compromiso e dedicación – sinalou – porque apoiar ao Rácing é apoiar ao deporte e a Ferrol”. Así as cousas e co obxecto de conseguir unha maior afluencia de público, Concello e clube acordaron esta mañá a rebaixa do prezo das entradas en dous euros para aqueles partidos que se disputen na Malata.
Finalmente, o rexedor ferrolán aproveitou o seu encontro co plantel de xogadores para trasladarlles o sentir da corporación municipal reSpecto da importancia do Racing tanto a nivel deportivo como para asentar a imaxen da cidade no exterior. Rey Varela, que destacou a calidade do primeiro equipo e avanzou a súa asistencia aos encontros que quedan por disputar, destacou a importancia de ter conseguido a estas alturas da liga o liderato da categoría.











