O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela visita o obradoiro “Tempo para avanzar”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+
Rey Varela no obradoiro "Tempo de lecer"

Rey Varela no obradoiro “Tempo para avanzar”

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, acompañado da concelleira de Igualdade, Verónica Casal, visitou hoxe o obradoiro“Tempo para avanzar”, que se está a desenvolver dende principios do presente mes de abril nas instalacións municipais da Ludoteca do Cantón de Molíns, e que se prolongará até o vindeiro mes de decembro. A iniciativa ten lugar de luns a venres en horario de tarde -durante catro horas- e as persoas interesadas en beneficiarse da mesma teñen que presentar as solicitudes no Rexistro Xeral da Casa Consistorial e non existe prazo de inscrición.

Rey Varela destacou que este “é un programa posto en marcha polo Goberno Municipal co obxectivo de apoiar á conciliación familiar e laboral das mulleres traballadoras e estudantes con familias monoparentais e con escasos recursos económicos”. Así mesmo, o rexedor explicou que o obxectivo primordial desta iniciativa é a creación dun espazo de apoio para que estas mulleres poidan desenvolver actividades laborais ou de formación regulada, mediante un lugar de apoio socio-educativo para as súas/os fillas/os menores. Os pequenos estarán divididos en tres grupos por idades: de 0 a 3 anos, de 4 a 6 anos, e de 7 a 12 anos.

Ademais, o programa conta con persoal especializado en educación, infancia e persoas voluntarias. O proxecto, que desenvolve a ONG Acción Famiar, busca contribuír a crear tempos libres de cargas familiares para que as mulleres poidan formarse ou traballar; aumentar o número de mulleres con familias monoparentais que acoden a espazos de formación regulada ou se inclúen no mundo laboral; favorecer a igualdade entre mulleres e homes; e mellorar o rendemento académico dos menores mediante o apoio educativo.

30 de abril de 2013 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.