O alcalde de Ferrol inaugurará a exposición de “Loureiro” no Centro Torrente Ballester

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, inaugurará as novas exposicións do Centro Cultural Torrente Ballester mañá venres, ás 20.00 horas. “Afluentes 80. Debuxando un mapa” a segunda mostra do proxecto Afluentes e “Loureiro. Perfís de realidade”, do artista ferrolán Loureiro, permanecerán nas salas do centro cultural municipal ata o 30 de agosto e ata o 30 de xuño, respectivamente.

Loureiro. Perfís da realidade conecta directamente coa anterior retrospectiva que encheu as salas do CTB hai máis dunha década.  Esta nova exposición do ferrolán, enfróntanos a un percorrido polo traballo dos últimos dez anos dun artista intuitivo, curioso e observador e fiel a unha estratexia pictórica. O autor parte da paisaxe e a natureza, experimentando co volume, os efectos lumínicos, a perspectiva e a profundidade nas case 200 obras que integran a mostra. Así, o artista local compón un universo creativo que engloba técnicas como a pintura, a escultura ou a instalación; centrando sempre a mirada na estratexia pictórica.

A súa obra denota influenzas de movementos como o minimalismo e o construtivismo, o expresionismo abstracto de autores como Mark Rothko e os fundamentos racionais e funcionalistas da arquitectura de Le Corbusier. Ademais, a compenetración coa obra de Giorgio Morandi engade á súa obra o refinamento, a sutileza técnica e un lirismo impregnado de luz e misterio. Compre lembrar, que o concelleiro de Cultura, Manuel Reyes García Hurtado sinalou que “ Loureiro é un deses artistas polos que a xente vai ao Torrente Ballester” e “nos honra que desenvolva a súa actividade na nosa cidade e que leve o noso nome polo mundo adiante”

A segunda exposición do proxecto Afluentes, Afluentes 80. Debuxando un mapa, percorre a figuración na arte galega dende os anos setenta. Os anos  oitenta caracterízanse polo cambios políticos e sociais, de ansias de pechar dunha vez cun tempo cincento, tradicionalista e opresor co que non era posible outra postura que a da oposición. O proxecto expositivo e editorial está composta por unha selección de grandes artistas que traballaron colectivamente -moitos deles vinculados ás exposicións de Atlántica- conxuntamente con outros de traxectoria máis individual e solitaria. Os 19 participantes da mostra son: Darío Álvarez Basso, Guillermo Aymerich, Jorge Barbi, Vari Caramés, Tono Carbajo, Bosco Caride, Ángel Cerviño, Xosé Freixanes, Roberto González Fernández, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Juan Martínez de la Colina, Din Matamoro, Pamen Pereira, Isaac Pérez Vicente, Armindo Salgueiro, Xesús Vázquez, Manuel Vilariño e Antón Patiño. A iniciativa froito da colaboración e coproducción do Concello de Ferrol e Novacaixagalicia está integrada por tres exposicións. Así mesmo, compre subliñar que a  cidade de Ferrol será a única que acollerá as tres mostras do proxecto Afluentes.

11 de abril de 2013 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.