O alcalde de Ferrol destaca os avances de fomento na conexión ferroviaria a Caneliñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, valorou de maneira positiva os avances feitos polo Goberno de España en relación ao proxecto construtivo do tren á dársena de Caneliñas, apuntando que “puidemos desbloquear coa ministra de Fomento, Ana Pastor, un tema que levaba oito anos esquecido, e que é fundamental para os que cremos nas potencialidades do porto exterior como un dos motores económicos de Ferrolterra, Eume e Ortegal e de xeración de emprego”, dixo.

O primeiro edil da cidade sinalou que “os temas de emprego son prioritarios para todos os gobernos e administracións, tamén para o de Ferrol, é o desenvolvemento portuario forma parte desta temática”. Neste sentido, Rey Varela explicou que dende que chegou a Alcaldía o Concello de Ferrol “ten fixados catro eixes de actuación estratéxicos e fundamentais para a xeración de emprego e riqueza, que son: o naval, o solo industrial, o saneamento e o porto”. E precisamente, destas liñas estratéxicas para o presente e o futuro da cidade, Rey Varela subliñou os avances feitos no ámbito do saneamento –cos traballos que completarán a rede de depuración integral da ría de Ferrol- e no portuario –coa licitación da redacción do proxecto do tren a Caneliñas e a publicación do Estudo de Impacto Ambiental-.

Así mesmo, Rey Varela manifestou que dotar de ferrocarril aos porto exterior é unha demanda que a sociedade ferrolá esixe dende hai unha década e que “é co actual Goberno central, e grazas á interlocución mantida coa ministra de Fomento, Ana Pastor, cando se están dando os pasos necesarios para que esta infraestrutura sexa unha realidade despois de anos metida nun caixón”. Nesta liña, o rexedor municipal agradeceu á titular de Fomento que cumprira o compromiso que asumiu con Ferrol na súa visita institucional ao Concello e ás instalacións portuarias de Caneliñas en agosto do ano pasado. “Estamos ante unha oportunidade histórica para Ferrol e comarca que debemos aproveitar, posto que estamos a falar dun sector, o portuario, que ten unha importancia capital para o desenvolvemento económico e a creación de emprego”, manifestou Rey Varela.

9 de abril de 2013 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.