O alcalde da Laracha recibe aos deportistas, adestradores e equipo directivo do Sal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaDeportesLocal
A-
A+
Recepción ao Club Sal Laracha

Recepción ao Club Sal Laracha

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Patricia Bello, edil delegada da área de deportes, recibiron hoxe na Casa Consistorial a deportistas, adestradores e membros do equipo directivo do Club Sal (Salvamento Acuático Laracha) trala súa recente participación nos campionatos de España de inverno celebrados durante o pasado mes de marzo.

No torneo de base, que tivo lugar os días 2 e 3 de marzo en Valladolid, representaron ao SAL e ao Concello da Laracha once rapazas nas categorías alevín (Nerea Puente, Raquel Sánchez, Andrea Ruiz, Janhaví Jordana e Nuria Regueira), infantil (Raquel Barbeito, Noelia Loureiro, Melina Velo e Patricia de la Iglesia) e cadete (Sabela Mirás e Laura Morgade).

En canto ao campionato das categorías superiores, disputado en Alcorcón os días 23 e 24 de marzo, o SAL contou con outros sete representantes en xuvenís (Pablo Velo e Borja Díez), Junior (Enrique Ramilo) e absoluto (Iván Lobelle, Marcos Lobelle, Diego López e Jesús López).

Neste último evento os resultados máis destacados foron as medallas obtidas por Enrique Ramilo nas probas junior de 100 metros maniquí aletas e 200 metros supersocorrista e polos irmáns Iván e Marcos Lobelle na proba absoluta por equipos de lanzamento de corda. Nos tres casos foron terceiros postos, o que os levou a subirse ao podio.

O alcalde, José Manuel López Varela, felicitou ao club polos excelentes resultados obtidos e agradeceulles a todos os deportistas o seu esforzo e a súa ilusión por competir e representar ao Concello da Laracha nos principais eventos a nivel nacional desta modalidade deportiva.

O SAL, trala disputa destes campionatos de inverno (en piscinas) comeza agora a preparar a temporada de verán. Os nacionais disputaranse a partir do mes de xuño, probablemente en praias de Alicante e de Cantabria. O rexedor municipal e a concelleira de deportes desaxáronlles o mellor de cara ao inicio desta nova parte da campaña.

O Club de Salvamento Acuático Laracha é unha das entidades deportivas máis importantes do municipio tanto polo número de deportistas como polos resultados que obtén a nivel galego e estatal. Desde o Concello da Laracha colabórase todos os anos cunha subvención municipal que ascendeu no pasado curso aos 10.500 euros.

8 de abril de 2013 | 11:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.