O alcalde da Coruña presenta o programa de San Juan máis completo da historia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+
Carlos Negreira na presentación do San Juan

Carlos Negreira na presentación do San Juan

O alcalde, Carlos Negreira, presentou esta mañá a imaxe, o vídeo e o programa de San Juan 2013, que se estenderá dende o 15 e ata o 24 de xuño e que “responde a un triplo obxectivo: pasar da gran noite de San Juan á gran semana de San Juan; presentar o programa máis completo da historia da cidade e ser referente nacional e internacional”, destacou o alcalde, quen anunciou cal será o novo obxectivo do Goberno local: O seguinte paso é conseguir que a nosa festa por excelencia o sexa tamén de Interese Turístico Internacional. Paso a paso estamos sentando as bases para a súa consecución”. Repartiranse máis de 2.000 carteis e 75.000 programas en castelán, galego e inglés inundarán as nosas rúas.

Neste sentido, o alcalde agradeceu a colaboración de todos os coruñeses para alcanzar este fin, así como tamén da Comisión Promotora das Cacharelas de San Juan: “Necesitamos contar coa colaboración de 250.000 embaixadores de San Juan, os nosos sanjuaneros e sabemos que toda a cidade se vai implicar”, explicou. Esta distinción -engadiu- outórgase ás festas ou acontecementos que supoñan manifestación de valores culturais e tradición popular e que teñan unha especial importancia como atractivo turístico. Entre os requisitos encóntranse a antigüidade e continuidade na celebración ou o arraigamento popular e participación cidadá que, no noso caso, supera todos os requisitos e expectativas. Ademais debe ser relevante en canto á promoción turística de España no exterior e debe ter repercusión en medios de comunicación internacionais”.

Neste sentido, o alcalde explicou as distintas actuacións que se levarán a cabo dende a área de Turismo para posicionar o San Juan no estranxeiro e tamén como un dos distintivos da cidade e unha das marcas festivas do país, como a Feira de Abril de Sevilla, ou as Fallas de Valencia e destacou a importancia da colaboración da Comisión Promotora das Cacharelas de San Juan que desenvolverán un amplo programa festivo durante todo o mes de xuño.

“Imos realizar unha campaña online cun importante portal turístico en tres dos nosos principais mercados: Reino Unido, Portugal e España. Ademais, o noso San Juan aparecerá nas revistas das tres compañías que operan dende Alvedro; e Globalia ofrecerá paquetes especiais para San Juan comercializados pola compañía, publicitará estas festas nas súas axencias e avións e informará do evento os seus clientes de xeito personalizado”, anunciou o alcalde e engadiu: “Pero non será o único. Exportaremos o noso San Juan, pero tamén queremos que se coñeza de primeira man porque sabemos que quen vén, repite. Por iso, organizaremos Press Trips, é dicir, invitaremos a prensa nacional e internacional ás nosas festas, que sentan na súa propia pel que A Coruña é a cidade onde ninguén é forasteiro,”.

A campaña de turismo incluirá ademais a presenza en feiras, a creación de diferentes informes, e a inclusión en publicacións como a revista #coruñasemueve cuxo número se dedicará a estas festas, a presenza en redes sociais ou a través de newsletter, e a elaboración dunha páxina web www.corunaespiritudefuego.com. Ademais deseñouse unha campaña de posicionamento online que inclúe Landing Page, Newsletter Masivo, Campaña de Posicionamento SEO, Campaña de posicionamento SEM (Google Adwords, Youtube e Facbeook) e Comunnity Managers para a promoción nacional e internacional destas festas. O vídeo de San Juan distribuirase a través das redes sociais en inglés, francés, portugués, alemán, italiano e holandés.

Carlos Negreira recordou que durante dez días A Coruña se converterá no referente festivo do noroeste español, destacando que estas festas son ademais o mellor reclamo para impulsar o turismo e, polo tanto, a actividade económica.

Así, a programación estenderase ao longo e ao largo Da Coruña para dinamizar e chegar a todos os barrios e zonas comerciais da cidade. Carlos Negreira destacou a aposta decidida do Goberno municipal pola música con dous grandes concertos, Alejandro Sanz no Coliseum, e un aceno aos 80, con Homes G; ademais dun festival para xente máis nova con 45 artistas do panorama coruñés, galego e nacional, nun lugar da cidade que se quere potenciar: o parque de Santa Margarita; e unha gran verbena ata as 5 da madrugada a mesma noite de San Juan liderada pola Orquestra Panorama.

O Alcalde avanzou, tamén, novidades na Cabalgata e espazo para o humor incluída na falla deste ano. Anunciou que o día 24 será o gran día dos nenos, cunha gran festa infantil na Praza de María Pita e na que se vai organizar o ‘San Juan pequeniño’. “Deseñouse unha oferta para todos os públicos -continuou- facendo fincapé nas grandes tradicións de San Juan. Por iso, despois do grande éxito da pasada edición, este ano contaremos con dous grandes sardiñadas populares, unha o domingo 16 no parque de Santa Margarida, e outra o martes 19 no peirao de Trasatlánticos, coa colaboración do Porto e a Lonxa,”.

“Pero San Juan non é só festa. San Juan é todas e cada unha das Concellarías deste Concello, un tema prioritario para este Goberno local, igual que o son todos os proxectos que xeran actividade económica e emprego. Porque queremos un San Juan seguro; sostible e responsable co noso ámbito e as nosas praias; queremos un San Juan que xere actividade económica, emprego e atraia miles de persoas dende todos os puntos do planeta”, destacou o alcalde. “Quero agradecer -engadiu- o enorme traballo de coordinación que se levou a cabo dende todas as áreas para que esta gran festa sexa posible”.

Neste sentido, o alcalde destacou algunhas das actuacións que se van desenvolver dende as distintas concellarías:

Seguridade e Mobilidade

Prepárase dende o mes de novembro un dispositivo extraordinario formado por Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil, Bombeiros, Protección Civil e voluntarios, e no que, por primeira vez, se contará cunha Unidade Especializada en Rescates Marítimos para dotar aos areais de maior seguridade e atallar de forma máis rápida posibles accidentes. Ademais, desenvólvese unha campaña de prevención e información en centros educativos da cidade na que membros de bombeiros, policía local ou Protección Civil se encargarán de transmitir consellos de seguridade e prevención aos máis pequenos.

Medio

Dende a concellaría de Medio prepárase un dispositivo para que os cidadáns, veciños e visitantes, poidan gozar da praia o día 24. Ademais, o rexedor, recordou que este ano se poñerá en marcha unha experiencia piloto de repartición de madeira limpa que inclúe accións para incentivar que as persoas que esa noite gocen da festa na praia depositen o lixo xerado en sitios habilitados ao respecto. “Repartirase madeira entre as 20.30 e as 22.30 horas do 23 de xuño e instalaranse 7 colectores identificados coa imaxe do noso San Juan para que a xente faga un uso responsable deles polo que pedimos aos participantes que sexan responsables co medio e coa súa cidade”, explicou o rexedor.

“En definitiva, esperamos que estas festas sexan todo un éxito porque se mimou ata o último detalle cunha campaña pensada para todos: para os coruñeses e para os nosos visitantes. Así, todos seremos este ano máis ‘sanjuaneros’ que nunca. Dende o 15 de maio, na Coruña sentirase o espírito de lume e ulirá a San Juan e empezará a quentar motores para a gran cita”, explicou. “Queremos que esta data se converta nunha referencia a nivel español e internacional que permita xerar actividade económica e posicionar á cidade no punto de mira turístico”, concluíu.

29 de abril de 2013 | 10:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.