O alcalde anuncia que o próximo luns empeza a reforma da rúa Galileo Galilei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá que o próximo luns, 29 de abril, empezará a remodelación da rúa Galileo Galilei, no polígono da Grela, que conta cun presuposto de 907.185 euros. O Concello consensuou cos empresarios tanto o proxecto coma a data de inicio dos traballos, que terán un prazo de execución aproximado de 14 meses: “Respondemos a unha das prioridades que nos trasladaran os propios empresarios”, subliñou.

Tal e como explicou o rexedor, a Concellaría de Infraestruturas definiu un calendario de obra xunto aos empresarios para que os traballos de reforma da rúa Galileo Galilei favorezan o máximo posible o desenvolvemento habitual da súa actividade comercial diaria. O novo proxecto pretende favorecer a mobilidade na zona -coa creación dun novo carril e a construción dunha rotonda na intersección coa rúa Gambrinus-, así como renovar o pavimento, mellorar a rede de rede de sumidoiros e aumentar os puntos de iluminación pública.

O alcalde explicou que esta obra significa revitalizar unha das vías centrais do polígono. Neste sentido, Carlos Negreira destacou que os traballos en Galileo Galilei supoñen “unha verdadeira renovación integral da rúa”, xa que non só se trata de pavimentar unha estrada, senón que ademais inclúe outras actuacións:

– Redefinición da rede de saneamento, coa adecuación do sistema de pluviais.

– Substitución da iluminación pública, que se incrementará naqueles tramos onde se comprobou que a iluminación non era suficiente; e finalizarase a rede de iluminación desta rúa no tramo entre Gambrinus e Gutemberg.

Este investimento de 907.185 euros responde á aposta do Goberno municipal pola urbanización e o acondicionamento dos espazos públicos e por converter “o polígono industrial da Grela nun barrio máis da cidade”, é dicir, que goce de todas as vantaxes e servizos dos que dispón calquera outro punto da Coruña.

A remodelación da rúa Galileo Galilei, que correrá a cargo da empresa CRC Obras e Servizos, supón un investimento para o departamento de Infraestruturas de 907.185,40 euros, o que significa un aforro do 21% con respecto ao presuposto de licitación (1.154.180,84 euros), grazas sobre todo á transparencia na tramitación administrativa, con preto dunha trintena de empresas presentadas ao concurso.

A reforma desta rúa estratéxica da Grela dá solución aos problemas de mobilidade, unha das vellas demandas dos empresarios do polígono. Infraestructuras deseñou un proxecto que garante maior fluidez do tráfico:

– Modificación do cruzamento de Galileo Galilei coa rúa Gambrinus. Habilitarase unha rotonda con catro accesos, e con dous carrís de entrada e un de saída. A glorieta, de dous carrís no seu interior, garante a manobra de todo tipo de vehículos.

– Ampliación e reordenación do tramo de Galileo Galilei ao norte da intersección coa rúa Severo Ochoa. Pásase dun carril en cada sentido de circulación a unha vía de tres carrís: dous en sentido Severo Ochoa-saída do polígono e un terceiro en sentido Gambrinus-entrada ao polígono. No cruzamento de Galileo Galilei con Severo Ochoa tamén se considera a inclusión dunha vía de escape en sentido saída da cidade. Ademais, o proxecto preparouse con previsión, posto que, se no futuro ADIF decide a demolición do paso superior de ferrocarril, a nova reforma sería compatible con esta circunstancia.

– Modificación da intersección de Galileo Galilei con Newton. Optouse por unha glorieta con marcas viais e reforzouna con toda a sinalización vertical pertinente.

– Remodelación da sección na rúa Galileo Galilei, ao oeste do cruzamento con Severo Ochoa. Inclúe bandas de aparcadoiro, tanto en liña coma en batería, e beirarrúas accesibles. Ademais, neste tramo pasarase dun acho variable nos dous carrís -un en cada sentido- a un ancho fixo de 3,5 metros, o que favorecerá a seguridade vial de condutores e peóns.

O alcalde subliñou que o inicio das obras de reforma de Galileo Galilei se suma á lista de compromisos adquiridos polo actual equipo de goberno para solucionar as necesidades formuladas polos cidadáns e, ao mesmo tempo, modernizar a cidade e dotar os espazos públicos dos servizos e equipamentos necesarios.

Así á remodelación dunha das columnas vertebrais en materia de mobilidade no polígono da Grela, uniuse esta mesma semana o proxecto da Gaiteira. O Goberno local investirá 1.634.200 euros entre ambas as dúas remodelacións. O obxectivo é que rematen o próximo ano, pois o ritmo de execución das dúas obras se compaxina coa actividade diaria de cada zona.

EDAR DE BENS

Por outra parte, Carlos Negreira lamentou a actitude de parte da oposición en Cambre que impediu que o concello pase a formar parte da empresa EDAR Bens S.A. “A lectura que a un lle vén á mente é que é unha rabecha da oposición e que como non saíu a moción de censura non se entra na EDAR. É unha rabecha en contra dos propios veciños de Cambre”, asegurou e recordou que o grupo de goberno estaba a favor.

O alcalde criticou a actitude da oposición e os diferentes criterios dos partidos segundo os concellos: “O BNG que sempre fala da situación da ría vota en contra”, sinalou e engadiu: “Cambre non debe sufrir ningunha consecuencia por unha rabecha da oposición”, finalizou.

26 de abril de 2013 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.