O alcalde anuncia que a reforma integral da Gaiteira empezará o luns
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou de que o próximo luns, 22 de abril, empezará a reforma integral da rúa da Gaiteira, cun investimento de 727.000 euros e que permitirá “recuperar o esplendor social e comercial” desta rúa neurálxica do barrio.
Negreira destacou que se trata dun “plan ambicioso” que permitirá a rehabilitación dunha superficie de 3.000 metros cadrados entre a rúa Ponte e Xeneral Sanjurjo. Queremos que a rúa da Gaiteira volva ser un orgullo e recuperar o seu esplendor social e comercial de antano, convertela en rúa de primeiro nivel e en punto neurálxico do barrio; e superar así tres reformas falidas na última década que non estiveron á altura”, afirmou o alcalde.
O Goberno municipal arranca a próxima semana a remodelación da Gaiteira, unha “obra con ambición”, tal e como explicou o alcalde, porque se proxectan unha serie de actuacións planificadas que garantan a revitalización definitiva desta rúa peonil:
– Renovación de pluviais.
– Renovación da rede de fecais.
– Substitución da rede de iluminación.
– Colocación dunha fonte que dará servizo tanto a adultos coma a nenos, con especial atención ás persoas con problemas de mobilidade.
– Realización dunha acometida para dotar de auga potable a unha fonte e subministrar auga para a instalación de rego por goteo para as macetas que se instalarán na rúa.
– Retirada do cableado aéreo que se encontra en desuso, así como a eliminación dos postes de madeira que o sustenta.
– Substitución do pavimento. Colocaranse lousas de granito.
– Colocación de novo mobiliario urbano (bancos e papeleiras) e xardineiras.
A reforma integral da Gaiteira desenvolverase en 10 meses, un prazo de execución que permitirá compatibilizar as obras coa actividade diaria de veciños e comerciantes, pois o obxectivo é que os traballos repercutan o mínimo posible no barrio.
Carlos Negreira tamén anunciou outras obras de mellora da calidade dos espazos públicos no barrio. En concreto, explicou que nas próximas semanas se eliminará a pérgola do Parque Europa -o que permitirá ampliar a zona axardinada- e que se executarán obras de acondicionamento da rede de pluviais na rúa Río de Monelos, á altura da ponte de Xeneral Sanjurjo.











