O 30 de abril remata o prazo de entrega de obras para o XXIX Premio de Poesía Cidade de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O vindeiro día 30 de abril remata o prazo de entrega das obras que se presenten á XXIX edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ourense. Este concurso está aberto a todos aqueles traballos inéditos presentados en galego e ampliado a lingua portuguesa dende 1980 – a raíz do irmandamento asinado no ano 1982 entre o Concello e a Cámara Municipal portuguesa de Vila Real, abrindo o certame ao mundo da lusofonía -.

A obra gañadora está dotada cun premio de 6.000 euros, e a súa publicación. Todas as persoas interesadas en presentar traballos, deberán facelo a través do Rexistro do Concello de Ourense  (Praza Maior) directamente ou por correo certificado facendo constar no sobre “Para o XXIX concurso de Poesía Cidade de Ourense”. Poderán participar todas as persoas que o desexen – agás as/os gañadores/as das cinco edicións pasadas – sempre que as súas obras se presenten en galego ou portugués.

Os concursantes portugueses poderán facer entrega dos seus traballos na Cámara Municipal de Vila Real (Portugal). En ambos casos, para as obras en galego e en portugués, o prazo de entrega remata ás 14 h do día 30 de abril deste ano.

No aspecto formal, os traballos que se presenten terán que ser orixinais e inéditos, cun mínimo de seiscentos versos. Presentaranse mecanografados e a dobre espazo en follas de tamaño folio escritas por unha soa cara en exemplar sextuplicado.

O Xurado cualificador estará formado por personalidades das letras galegas e portuguesas, o gañador do ano anterior e un representante da corporación municipal do Concello de Ourense. A decisión terá lugar ao longo do mes de xuño, momento no que será comunicada ao gañador ou gañadora do concurso.

Neste certame teñen participado e gañado escritores tan importantes como Millán Picouto, Darío Xoán Cabana, Xosé Gómez Alfaro ou Xosé Carlos Caneiro.

As bases pódense consultar na páxina web: www.ourensecultura.com

17 de abril de 2013 | 10:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.