Nova actuación do Ciclo de música de cámara Sen Batuta, co conxunto Forma Antiqua
Coma todos os primerios xoves de mes, este día 4 de abril regresa ao Paraninfo do IES Otero Pedrayo unha nova edición do Ciclo de música de cámara Sen Batuta. Esta vez será da man do conxunto Forma Antiqua, que ofrecerán unha charla coloquio ás 19.30 h e un concerto ás 20.30 h.
Forma Antiqua é un conxunto de música barroca de formación variable que reúne aos intérpretes máis brillantes da súa xeración, sendo o grupo escollido para representar os festivais españois de música antiga no I REMA (Réseau Européen de Musique Ancienne) Showcase 2007. Está formado polos irmáns Pablo, Daniel e Aarón Zapico, baixo a dirección deste último.
Forma Antiqua é desde maio de 2009 conxunto residente no Auditorio – Pazo de Congresos “Príncipe Felipe” de Oviedo. A súa fulgurante carreira inclúe concertos nos máis prestixiosos festivais e ciclos do Estado: Teatro Real de Madrid, Semana de Música Relixiosa de Cuenca, Quincena Musical de San Sebastián, L´Auditori de Barcelona, Festival Internacional no Camiño de Santiago… e moitos máis, logrando sempre o recoñecemento unánime de público e crítica.
Asemade, o conxunto inaugurou as Tempadas de Ópera 2010 – 2011 dos Teatros Campoamor de Oviedo e Arriaga de Bilbao. A maiores, actividade internacional de Forma Antiqua está en constante e rápido aumento desde a súa primeira xira realizada en setembro de 2005. Ata hoxe as súas gravacións comerciais teñen colleitado o aplauso e diversos premios internacionais da crítica especializada, coma por exemplo na súa recente gravación de As Catro Estacións de Vivaldi, con violín solista de Aitor Hevia, e as colaboracións de Uri Caine e Theo bleckmann, ten sido aclamada internacionalmente pola crítica como as mellores Catro Estacións de Vivaldi da historia (Diverdi magazine).
As entradas teñen un prezo de 6 € (con desconto do 50 % para posuidores de carné xove, estudantado, xubilados e xubiladas), e para os menores de 18 anos a entrada é de balde.











