Nigrán recibe a transferencia de Augas de Galicia para o aforro intelixente de auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaNigrán
A-
A+

O Concello de Nigrán recibiu hoxe o ingreso de Augas de Galicia por valor de 59.807,88 euros que financiará a posta en marcha do sistema intelixente de aforro de auga, tal e como se estableceu nun convenio de colaboración asinado o pasado mes de agosto co titular da Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

“Este documento demostra a difamación levada a cabo polos grupos da oposición, que acusaban a este goberno de realizar unha contratación irregular, que levaría a esta administración a asumir o pagamento das novas duchas”, sinala o rexedor municipal, Alberto Valverde. Neste sentido, Valverde subliña tamén a súa incompetencia, “que en todo momento falaron de perda de subvención cando esta iniciativa é resultado da firma dun convenio de colaboración coa MATI, non da solicitude dunha subvención”, engade.

Contratación regular

Por outro lado, Valverde recorda que existe un informe elaborado polo técnico de contratación que ratifica a legalidade do proceso. “O prazo límite inicial para a instalación das duchas foi postergado en dúas ocasións, tal e como recolle o devandito informe, polo que non houbo incumprimento nin por parte da empresa, Beach Trotters, nin por parte da administración, circunstancias ambas as dúas que se confirman co ingreso realizado hoxe por parte do organismo autonómico”, afirma Valverde.

Responsabilidade á oposición

O rexedor municipal denuncia abertamente a forma de facer política da oposición, “unha oposición que basea o seu quefacer diario na mentira, a manipulación e a demagoxia, en lugar de traballar por e para as persoas que os colocaron onde están”. Así mesmo, Valverde esixe responsabilidade aos concelleiros da oposición, e anímalles a abandonar a súa política actual e a empezar dunha vez por todas a traballar para os seus veciños, “que é por e para o que están aquí, non para enganalos ou xerar desconfianza ao intentar desacreditar sen fundamentos nin base ningunha a este goberno”.

Medida ambiental

O rexedor municipal recorda que a posta en marcha deste sistema permitirá aforrar ata un 60%, reducindo o consumo de auga nas duchas das praias duns 7.500 metros cúbicos anuais ata 3.000. “Esta iniciativa ambiental non só permitirá o aforro dun dos recursos naturais máis valiosos e escasos, a auga, senón que fomentará un uso racional e eficiente deste, xerando unha concienciación colectiva sobre o aforro da auga,” explica Valverde.

10 de abril de 2013 | 15:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.