Nigrán celebra o seu pleno e ratifica o seu apoio aos afectados polas preferentes

Valverde na reunión cos afectados
A sesión plenaria extraordinaria convocada para hoxe puido celebrarse con relativa normalidade. Así o confirma o rexedor municipal, Alberto Valverde, que insiste na necesidade de que as reivindicacións das persoas afectadas polas participacións preferentes e subordinadas non poden paralizar a actividade diaria da administración local. “Estou ao 100% con estas persoas, pero como alcalde deste municipio, teño a responsabilidade e a obriga de facer continuar a actividade da administración local”.
Así, o pleno da corporación, coa ausencia dos concelleiros da oposición, aprobou hoxe os temas pendentes dende o pasado mes de febreiro, cando os afectados irromperon no salón de plenos obrigando á suspensión da sesión. “Unha vez máis, reitero e manifesto o meu apoio a estas persoas, pero a actividade da administración debe seguir adiante, debemos seguir traballando por eles, e polos nosos veciños, que son os que hai case dous anos decidiron que fosemos os seus representantes,”.
Novo encontro
Un apoio que unha vez máis se materializou cunha reunión con representantes dos afectados e o equipo de goberno, e coa que Valverde deixou claro que sempre estivo e estará a disposición dos veciños de Nigrán afectados por estes produtos financeiros fraudulentos. “O que teñen que entender é que non celebrar os plenos das administracións, non é nin de lonxe, unha solución á súa situación,”.
Neste sentido, Valverde rexeita a demagoxia do principal partido da oposición, que abandonou o pleno antes do comezo deste. “Por segunda vez nunha semana, o PSOE de Nigrán está a facer demagoxia e populismo cos afectados polas preferentes, utilizándoos unha vez máis como arma política, coa intención de desacreditar a xestión deste goberno, xogando con eles, cando realmente son os máximos responsables políticos da situación que están a vivir os afectados”.
Estes produtos financeiros iniciaron a súa comercialización entre os clientes minoristas baixo o mandato de Rodíguez Zapatero, e co beneplácito do Banco de España e da CNMV. “Se realmente está cos afectados polas preferentes, o partido socialista debería pedir responsabilidades aos políticos e directivos do seu partido que no seu día deron o visto e prace á comercialización deste produto”.
Así mesmo, o rexedor municipal insta ao principal partido da oposición a cumprir o compromiso adquirido polos concelleiros do seu partido no pleno de febreiro, poñer o seu posto e cargo nesta corporación a disposición do seu partido ou, directamente, dimitir. Por último, Valverde pide unha vez máis responsabilidade ao PSOE de Nigrán, “que deixen de axitar e de intentar quentar o ambiente a custo dos afectados”.











