Nigrán acolleu a presentación de “Cómete o mar”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNigrán
A-
A+
Presentación da campaña

Presentación da campaña

O Salón de Actos do Concello de Nigrán acolleu hoxe a presentación ao sector hostaleiro e turístico dos municipios adscritos ao GAC7 o programa gastroturístico “Cómete o mar”. Esta iniciativa,  impulsada polo sete Grupos de Acción Costeira de Galicia (GAC) que, agrupados baixo a marca turística MarGalaica, desenvolverá esta acción co obxectivo de potenciar o turismo mariñeiro na Comunidade Autónoma, a través dunha oferta gastronómica diferenciada.

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, e a xerente do GAC 7 Vigo-Baiona, Mª Elena Herbello, presidiron a presentación técnica do programa, realizada hoxe aos empresarios do sector. A firma MarGalaica, deseñadora desta acción, explicou aos asistentes as principais liñas do proxecto, así como as fórmulas para incorporarse ao mesmo como axentes dinamizadores do turismo mariñeiro da comarca.

A campaña

“Cómete o Mar” desenvolverase ao longo do mes de xuño cun programa gastronómico centrado nas excelencias dos produtos galegos do mar, e sobre a base dunha oferta que inclúe desde menús gastronómicos, rutas de tapas ou distintas actividades que recollen os atractivos da tradición e a cultura mariñeiras. “Unha campaña que explotará os atractivos naturais dos nosos municipios, xerando unha nova fortaleza para a nosa oferta turística”, sinalou o rexedor municipal, Alberto Valverde.

No encontro celebrado esta mañá trasladouse aos empresarios do sector as diferentes actividades ás que poden sumarse no marco do programa “Cómete o mar”. Así, os establecementos hostaleiros que desexen participar no proxecto poderán ofertar menús degustacións (elaborados con produtos mariños da zona), participar na ruta galega de tapas “Cómeche o mar” ou organizar talleres gastronómicos para visitantes.

Pola súa banda, os establecementos hostaleiros e de hospedaxe e as casas de turismo rural poderán incorporarse ao proxecto ofertando paquetes especiais de fin de semana, mentres que institucións, asociacións e empresas especializadas en lecer poderán adherirse ao programa con propostas de entretemento vinculadas ao mar e a cultura mariñeira: xornadas en barco pesqueiro, visitas organizadas a lonxas, rutas ou visitas organizadas vinculadas a industrias e oficios do mar, etc.

O obxectivo último do programa -que celebrarase no mes de xuño e contará cun plan específico de promoción para atraer a potenciais visitantes- pasa por dinamizar o produto turismo mariñeiro de Galicia, sempre en colaboración cos distintos sectores implicados ao longo de toda a costa galega.

18 de abril de 2013 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.