Nigrán acollerá a fase sur do Campionato de Galicia Escolar de Judo “Xogajudo”

Presentación da proba deportiva
Nigrán converterase este fin de semana, e por primeira vez na súa historia, na capital de judo do sur de Galicia, coa celebración da fase sur do Campionato de Galicia Escolar de Judo 2013, organizado pola Federación Galega de Judo, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello de Nigrán. A competición disputarase ao longo da mañá do domingo 21 de abril no Pavillón Municipal de Deportes de Panxón.
Esta edición do campionato congregará 178 judokas das categorías infantil e cadete, procedentes de clubs da provincia de Pontevedra e Ourense e da capital galega, Santiago de Compostela. En total, participarán 76 judokas femininas e 114 masculinos. Estes deportistas, acceden a esta fase sur do campionato tras superar distintas fases dos Xogos Deportivos Galegos XOGAJUDO.
A celebración deste campionato en Nigrán atraerá a máis de 170 deportistas das provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña, unha oportunidade única para que moitas familias galegas coñezan o noso municipio, a súa beleza natural e os nosos atractivos turísticos, sinalou o rexedor municipal, Alberto Valverde.











