Negreira traslada o seu apoio aos afectados polas preferentes para que recuperen o seu diñeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+
O rexedor na reunión cos afectados

O rexedor na reunión cos afectados

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, reuniuse este mediodía coa plataforma de afectados polas preferentes e trasladoulles o seu apoio incondicional na defensa dos seus intereses. Negreira considera necesario que todas as “vítimas desta estafa” poidan recuperar integramente os seus aforros e, ao mesmo tempo, todo o apoio do Concello para lograr este obxectivo.

Trasladeilles o noso compromiso de colaboración para que todos os aforradores que son vítimas desta estafa poidan recuperar o seu diñeiro. É un obxectivo para a Corporación municipal e é un obxectivo para a Xunta de Galicia”, destacou o alcalde. Neste sentido, Negreira asegurou que o Concello seguirá traballando coa vontade firme de que se chegue a unha solución: “Todo o Concello vai estar ao seu lado na defensa dos seus intereses”, engadiu o alcalde da Coruña.

As palabras de Carlos Negreira tras a reunión mantida no Pazo Municipal de María Pita cos afectados súmanse ao compromiso público adquirido no pleno de hoxe no que se aprobou unha moción consensuada coa propia plataforma e na que se recollen todas as súas reivindicacións: devolución íntegra do diñeiro, así como dos intereses que deixaron de percibir; que non se apliquen quitas e tampouco as novas taxas xudiciais para as posibles demandas que presenten; e que se aumente o ritmo das arbitraxes.

O alcalde reiterou na súa reunión cos afectados polas preferentes que o Goberno municipal colaborará para que teñan a máxima información posible, pois contan cun apoio total e incondicional do Concello nas súas reclamacións, como se demostrou esta mañá no pleno. Neste sentido, Negreira anunciou que se pechou, para a próxima semana, unha reunión dos representantes dos afectados co Instituto Galego de Consumo.

FÁBRICA DE ARMAS

O alcalde tamén cualificou como unha “falta de respecto total” a decisión de Xeneral Dynamics de desconvocar de xeito unilateral a reunión que estaba prevista para mañá, martes 9 de abril, cos representantes dos traballadores e que tiña como obxectivo proseguir coas negociacións para garantir o mantemento da actividade industrial.

“A decisión da empresa de non se reunir cos sindicatos e representantes dos traballadores non é de recibo. É un pulso insostible, polo que facemos un chamamento á cordura por parte de General Dynamics para buscar unha solución consensuada. Non pode marchar pola porta de atrás e espero que recapacite”, afirmou Negreira, quen agradeceu a predisposición dos traballadores a buscar unha saída.

O alcalde da Coruña continuará en contacto cos distintos gobernos para informar da gravidade da decisión de Xeneral Dynamics e para conseguir a súa intermediación ao obxecto de lograr un novo escenario que permita alcanzar a prórroga que toda a cidadanía solicita.

8 de abril de 2013 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.