Negreira reitera á General Dynamics a urxencia de que amplíe o prazo ata decembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, reiterou o seu apoio aos traballadores da Fábrica de Armas aos que trasladou que “loitará ata o último minuto” para manter os seus postos de traballo. “Hoxe cúmprese ese prazo que a empresa marcou unilateralmente e sen diálogo; pero nós seguiremos insistindo e pedindo que este 12 de abril se converta en 31 de decembro para que nos dea tempo e poidamos proceder á reconversión e ter así outras posiblidades de negocio e actividade que sabemos que é posible”. Neste sentido, recalcou que seguiremos ao lado dos traballadores buscando as alternativas que sexan necesarias para manter o emprego industrial na cidade”.

Neste sentido, Negreira recordou que solicitou que todas as administracións realicen un esforzo final para lograr a viabilidade da factoría como solicita todo o tecido social, veciñal, sindical e político da cidade. “Seguimos trasladando que é posible continuar coa actividade en ao fábrica xa que conta con traballadores especializados, con tecnoloxía punteira, investidores interesados e empresas doutros sectores dispostas a dotala de carga de traballo. Só falta o compromiso da empresa”, comentou Negreira que explicou que estes argumentos llos fixo chegar á presidenta de Xeneral Dynamics, Phebe Novakovic: “Onte mesmo enviámoslle unha carta á sede que a empresa ten en Virxinia na que o instamos a que reconsidere esta decisión. Pedímoslle a unha empresa que factura 24.000 millóns de euros e que ten un equipo de 95.000 traballadores que cambie de opinión e nos dea unha oportunidade para construír un novo proxecto para a Fábrica de Armas”.

Na carta, o alcalde trasladou cuestións como que a fábrica é competitiva e pode adaptarse a outro tipo de actividades; a idoneidade da súa situación nunha cidade, sede de importantes empresas internacionais e integrada na Rede de Cidades Intelixentes e cun porto exterior competitivo; ou a ampla cualificación dos traballadores e o labor desenvolvido nestes anos. Ademais, Negreira solicitou a Novakovic que reconsidere a situación e que amplíe o prazo a decembro dando á cidade o mesmo trato que ao doutros centros, polo que a invitou a que visite A Coruña para estudar un plan de viabilidade.

“Pedimos o mesmo trato que se lle deu a outros centros da compañía”, reiterou o rexedor, quen sinalou que, de producirse o peche, se incorrería nun incumprimento contractual que implicaría un maior custo á empresa que o mantendo a produción ata o 31 de decembro como se solicita. Puxémoslle cifras a esta proposta que supoñería menos de 2 millóns de euros á empresa que ten que ter en conta que se cancela a actividade terá máis perdas por non cumprir os contratos que ten pendentes con outras empresas”, concluíu.

12 de abril de 2013 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.