Carlos Negreira presenta Smart City como un motor económico que permitirá crear 2.000 empregos na cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, participou esta mañá na mesa redonda Eurocidades e Smart Cities modelo de futuro?, que se celebrou en Santiago de Compostela dentro do ciclo de conferencias da FEGAMP 25 anos de municipalismo: pasado, presente e futuro da administración local. O alcalde, que estivo acompañado do rexedor de Verín, Juan Manuel Jiménez, o concelleiro de Novas Tecnoloxías de Málaga, Mario Cortés e do subdirector de Innovación e e-Negocio de Correos, Jordi Escruela; presentou o proxecto Smart Coruña, que se está a desenvolver na cidade.

Carlos Negreira aproveitou para destacar as potencialidades da cidade, que conta “con empresas do peso de Inditex, cun dos mellores servizos no ámbito do benestar (5.800 traballadores e máis de 1.900 camas), coa proximidade do Porto Exterior e con máis de 70 empresas tecnolóxicas que xeran 5.000 empregos de calidade,”. Neste sentido, resaltou, ademais, que A Coruña conta con proxectos destacados como o PXOM e que está inmersa na elaboración do PMUS, o PEPRI e o proxecto Coruña Futura.

O Alcalde aproveitou para sinalar que a filosofía do Goberno local é “ocuparse dos problemas do día a día e tamén das cuestións de futuro”. Nesta liña, Carlos Negreira referiuse ao proxecto Smart Coruña que se empezou a xerar antes de chegar a María Pita. “E creceu co principal obxectivo de crear unha marca de cidade intelixente, punteira e pioneira, que se convertese, nunha plataforma para ser referente tecnolóxico no noroeste español”, indicou. “Non” se trata “de comprar tecnoloxía -continuou-, senón de que coas empresas locais e a universidade se desenvolva a materia primar do século XXI, o talento, impulsar a economía e o emprego local a través da Smart City”.

O Alcalde explicou que un dos obxectivos que se pretende alcanzar con este proxecto é dispoñer de “un cadro de mandos para ter unha cidade máis eficiente, accesible e participativa”. Trátase de poñer as novas tecnoloxías ao servizo dos cidadáns para escoitar o que acontece a noso arredor, comprender o que sucede e tomar as mellores decisións. O alcalde recordou que A Coruña é a única cidade do noroeste español que recibiu financiamento europeo para este proxecto que conta cun presuposto de 11,5 millóns de euros. “A primeira parte da implantación de Smart City permitiranos ter un cerebro que sexa capaz de recibir os impulsos e a información de todo o que sucede na cidade e xestionar todo iso para ser máis eficientes”. A partir de aí, licitaranse o resto dos 20 proxectos. O rexedor enumerou algúns exemplos como a Vía Prioritaria Vixiada, xa en marcha, ou o rego intelixente.

Carlos Negreira informou de que, con estas medidas, a cidade e a súa xestión gañarán en eficiencia, sostibilidade, transparencia, participación e democracia. Deste modo, poderanse ofrecer mellores servizos públicos con menor gasto, impulsar as empresas do ámbito e desenvolver, deste modo, a economía; converterse en referente e polo de atracción de alta tecnoloxía. Avanzou que a smartización da cidade supoñerá a creación de 2.000 postos de traballo; un investimento privado mobilizado de 7,1 millóns de euros e un investimento inducido de proxecto de 100 millóns de euros.

29 de abril de 2013 | 11:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.