Negreira “loitará ata o final” polo mantemento dos postos de traballo da Fábrica de Armas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+
Negreira mostrando o seu compromiso aos traballadores

Negreira mostrando o seu apoio aos traballadores

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polo voceiro municipal, Julio Flores, visitou esta mañá os traballadores da Fábrica de Armas, que manteñen un encerro como medida de protesta ante a decisión unilateral de General Dynamics de pechar a factoría, e lles trasladou todo o seu apoio: “Este Concello loitará ata o final para manter os postos de traballo”, sentenciou.

“Non entendemos por que non ceden a dialogar”, comentou o alcalde quen explicou que a Xunta de Galicia enviou un escrito ao presidente de Santa Bárbara Sistemas reclamando unha implicación activa de General Dynamics na busca de solucións e alternativas. Neste sentido, Negreira asegurou que os directivos de General Dynamics se quedaron sós e que en fronte teñen non só aos traballadores, senón tamén a todo o tecido social, veciñal, sindical e político: “Estamos a barallar todas as posibilidades e a Xunta xa manifestou que dará o seu apoio a calquera novo proxecto industrial”, asegurou.

Negreira insistiu en que á empresa “non lle quedan argumentos” nin ningunha razón obxectiva para privar á Fábrica de Armas da oportunidade de articular un novo proxecto industrial, xa que conta con traballadores especializados, con tecnoloxía punteira, con investidores interesados e, mesmo, con empresas doutros sectores dispostas a dotar de carga de traballo a Fábrica de Armas.

“Pedimos o mesmo trato que se lle deu a outros centros da compañía”, reiterou o rexedor, quen incidiu na importancia de dar máis tempo aos traballadores para, entre todos, tratar de encontrar unha solución. Sinalou tamén que, de producirse o peche nestes momentos, se incorrería nun incumprimento contractual xa que hai encargos pendentes, o que implicaría un maior custo á empresa: “Manter o equipo ata o 31 de decembro de 2013 ten un custo laboral de 2 millóns de euros, perfectamente asumible para unha multinacional como General Dynamics,” concluíu.

11 de abril de 2013 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.