Negreira anuncia que sacará a concurso a construción do polideportivo municipal do Castrillón
O Concello da Coruña, a través da Empresa Municipal Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA), logrou desbloquear unha vella demanda dos veciños do barrio do Castrillón e antes do 10 de abril sacará a concurso a construción do centro deportivo, que incluirá a piscina reclamada polos residentes da zona e que o bipartito excluíu do proxecto anterior, ademais dun aparcadoiro para un mínimo de 100 vehículos.
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado dos concelleiros Francisco Mourelo e Mariel Padín, presentou o proxecto do novo equipamento deportivo para O Castrillón, tras reunirse coas asociacións de veciños e comerciantes do barrio. O Goberno municipal conseguiu formular unha solución a un proxecto estratéxico para O Castrillón, pois se garante tanto a atención ás necesidades dos veciños coma a viabilidade do futuro polideportivo municipal. “Esta infraestrutura, prometida hai case dez anos, é unha prioridade para este equipo de goberno e considera dúas das principais demandas veciñais: a construción dunha piscina, polo que non se vai esperar 10 anos como se prevía no proxecto anterior; e dun aparcadoiro cun mínimo de 100 prazas, o que permitirá evitar problemas de tráfico na zona coa posta en marcha da instalación”, sinalou o alcalde.
O Concello sacará a concurso público antes do 10 de abril a execución do polideportivo a través dun novo enfoque na xestión. Na proposta formulada polos anteriores responsables municipais e que nunca se puido levar a cabo porque o concurso quedou deserto, se licitaba a construción e xestión de todo o edificio e, a maiores, o Concello sufragaba preto de dous millóns de euros do proxecto. Agora, a zona destinada a uso deportivo será xestionada directamente polo Concello grazas á encomenda de xestión outorgada a EMVSA por 70 anos, mentres que a construtora pagará toda a obra -presupostada en ao redor de 4 millóns de euros- pois terá en concesión os 1.600 metros cadrados que xa se recollían no estudo de detalle para uso comercial.
O centro deportivo do Castrillón será 100% de titularidade municipal ao responde ás necesidades reais dos veciños, que chegaron a recoller máis de 2.000 firmas para esixir ao bipartito que incluíse unha piscina no seu proxecto:
– Dispoñerá dun aparcadoiro con capacidade para polo menos 100 vehículos; dun local comercial na planta baixa; e dun equipamento deportivo no primeiro piso de 2.500 metros cadrados.
– O proxecto recupera a vella reivindicación veciñal de dispoñer dunha piscina, pois no anterior concurso do bipartito se daba á concesionaria un prazo de 10 anos para a súa construción. Na proposta actual a execución da piscina será obrigatoria ao principio do proxecto.
– O inmoble contará tamén na primeira planta cun ximnasio de 400 metros cadrados e cunha completa pista polideportiva cunha superficie útil que supera os 1.000 metros cadrados, ademais de almacén e vestiarios tanto para os clientes da instalación coma para o persoal.
Negreira avanzou que a “firme vontade” do Goberno municipal é adxudicar o proxecto arredor do 30 de xuño, para a continuación dar a licenza e empezar as obras no último cuadrimestre do ano. O prazo de execución é de 18 meses. “O novo proxecto mellora tanto economicamente coma a nivel de infraestruturas deportivas a proposta anterior, pon fin a unha reivindicación de case 10 anos e permite contar no Castrillón cunha instalación deportiva de similares características ás existentes noutros barrios”, concluíu o alcalde.











