Negreira anuncia que a Fábrica de Tabacos obtén o visto bo de Patrimonio para a rehabilitación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informou de xeito favorable ao proxecto de rehabilitación da Fábrica de Tabacos que permitirá destinar o inmoble de titularidade municipal a usos xudiciais. O alcalde destacou que o visto e prace da administración autonómica é o paso previo indispensable para que o Concello, a través da Xunta de Goberno Local, poida conceder a licenza de obra á Consellería de Xustiza.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza presentou hai tres semanas o proxecto definitivo para a recuperación da Fábrica de Tabacos. Antes de conceder a licenza de obra, o Concello tivo que trasladar o informe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pois o seu visto e prace era vinculante dado que se trata dun inmoble dun alto valor arquitectónico e catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC). O alcalde explicou que o informe favorable de Patrimonio é o certificado que avala o traballo realizado e que se está a camiñar na dirección correcta, ao tempo que avanzou que o proxecto de Tabacos se levará a Xunta de Goberno nas próximas semanas para a concesión da licenza de obra.

“É unha forma distinta de facer as cousas. Neste ano e medio fíxose un traballo serio de colaboración coa Xunta de Galicia e coa administración de xustiza. Temos un proxecto redactado e listo para executar que antes non había; temos o visto e prace de Patrimonio que vai permitir que neste mesmo mes outorguemos a licenza municipal para a construción do edificio; e temos o diñeiro polo que a Fábrica de Tabacos estará a construírse a final de ano”, destacou o alcalde.

Negreira explicou que a rehabilitación do inmoble de Tabacos ten un compoñente artístico e cultural relevante, máis alá de converter á cidade en capital xudicial de Galicia e de revitalizar un barrio neurálxico da Coruña como Catro Camiños. “Isto afianza un concepto que algúns puxeron en dúbida que é a capitalidade xudicial de Galicia, co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con sede na cidade e agora con esta grande infraestrutura,” destacou.

Neste sentido, o proxecto -que logrou o visto e prace de Patrimonio e que evidencia a colaboración permanente entre as administracións dende a chegada a María Pita do equipo de goberno de Carlos Negreira- inclúe unha serie de actuacións que permitirá a recuperación e protección de elementos arquitectónicos de especial interese, ademais de adaptar o edificio aos novos usos e sen desvirtuar a súa identidade:

– Integración dos restos da antiga bancada do estaleiro dos Correos Marítimos achados nun dos patios dentro do plan de rehabilitación da Fábrica de Tabacos.

– Incorporación dunha zona para a divulgación na que se explique a evolución histórica da construción do inmoble.

– Mantemento da identidade histórica de Tabacos, conservando a fachada e o reloxo.

– Eliminación de elementos que distorsionan o entendemento do edificio, ao non ser acordes coa súa época de execución.

A rehabilitación de Tabacos supoñerá un investimento de 20 millóns de euros e alcanzar un triplo obxectivo:

– Recuperar un edificio emblemático.

– Afianzar A Coruña como capital xudicial de Galicia.

– Impulsar a actividade económica no barrio de Catro Camiños.

O proxecto, garante as dependencias xudiciais necesarias para atender a demanda, pois as obras de Tabacos permitirán incrementar nun 70% a superficie que na actualidade ocupan a Audiencia Provincial e os Novos Xulgados. En concreto, destinaranse 15.500 metros cadrados a infraestruturas xudiciais (Audiencia Provincial, Fiscalía, Xulgados de Menores e Xulgado de Vixilancia Penitenciaria).

– Audiencia Provincial. 7.500 metros cadrados útiles.

Arquivo, corpo de garda e zona de celas para detidos, almacéns e instalacións (na planta soto).
Información, control e seguridade, catro salas de audiencia, colexios de avogados e procuradores, sindicatos e despachos médicos (na planta baixa).

Presidencia, Xunta Electoral Provincial, biblioteca, salga multiúsos e seis seccións xudiciais cun total de 24 despachos de maxistrados, seis despachos de secretarios xudiciais e 60 postos de funcionarios (na planta primeira).

– Fiscalía. 3.000 metros cadrados útiles.

40 despachos de fiscais, oficinas de apoio á Fiscalía para 40 funcionarios, arquivo, sala de xuntas e biblioteca (na planta segunda).

– Xulgados. 700 metros cadrados útiles.
ou Secretaría de Coordinación, Xulgado de Menores, Xulgado de Vixilancia Penitenciaria, tres equipos técnicos e sala de vistas (na planta baixa).

O visto e prace de Patrimonio ao proxecto definitivo para a rehabilitación de Tabacos é unha noticia transcendente para a cidade, pois dá resposta a unha demanda histórica dos coruñeses e do sector da xustiza, e permite pechar outro capítulo importante e cambiar o final dun libro que tivo un comezo en falso, cando en 2006 se puxo a primeira pedra tras o convenio asinado co entón Ministerio de Vivenda -cun presuposto inicial de 12,5 millóns de euros para rehabilitar este edificio emblemático- e que nunca se levou a cabo.

12 de abril de 2013 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.