“Nabiza girl”, o monólogo de Isabel Risco, abre o ciclo de teatro de Paiosaco na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaCalendarioLocal
A-
A+
Instante da representación

Instante da representación

O programa Vente a ver teatro de Paiosaco abrirase este venres coa primeira das tres comedias das que consta este ciclo. A función é o monólogo da televisiva humorista Isabel Risco (Land Rober, Tourilandia, Padre Casares, Air Galicia, …) titulado Nabiza Girl, no que narra as aventuras e desventuras dunha superheroína galega e rural. A actuación, dirixida ao público adulto, ten unha duración de 45 minutos nos que non hai tregua nin descanso e na que as risas están garantidas.

Esta divertida actuación desenvolverase no auditorio do centro sociocultural de Paiosaco o venres a partir das 21.00 horas. A entrada é libre e gratuíta para todos os veciños do Concello da Laracha.

Outras dúas comedias nas próximas semanas

O ciclo de teatro de Paiosaco completarase nas dúas próximas semanas con outras tantas comedias:

19 de abril: O gordo e o calvo van ao médico, con Pedro Brandariz e Fran Rei.

Comedia recomendada para maiores de 12 anos de idade. A compañía Os Sete Magníficos máis Un traerá a Paiosaco esta aventura clown que nos últimos anos foi representada máis de medio centenar de veces por toda Galicia cun notable éxito.

Os protagonistas do espectáculo son os cómicos Pedro Brandariz e Fran Rei, actualmente colaboradores no programa Luar, da televisión de Galicia. A comedia trata de romper co mito da seriedade dos medicamentos e os tabúes da sanidade baixo a escusa da inauguración de un novo centro de saúde na vila. Dous políticos descobren a placa conmemorativa e, de paso, aproveitan a ocasión para falar das melloras na sanidade promovidas polo seu goberno.

26 de abril: Malos hábitos, con Camila Bossa e Iolanda Muíños

A nominación das dúas actrices protagonistas aos premios María Casares de teatro deste ano precisamente polo seu traballo en Malos hábitos é un claro indicativo da calidade da actuación.

As televisivas Camila Bossa (Mareas Vivas, As leis de Celavella, Matalobos, …) e Iolanda Muíños (Pratos Combinados, Libro de Familia, …) son dúas peculiares monxas de clausura que mostran algunhas das súas malas costumes nesta comedia picante e divertida.

10 de abril de 2013 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.