Música e teatro centran a programación cultural do Concello de Cedeira para abril
O Concello de Cedeira avanzou esta mañá a programación cultural para o mes de abril, onde a música e, unha vez máis o teatro, son os grandes protagonistas. O escenario para as propostas culturais do mes será de novo o Auditorio Municipal. Así, o Concerto de Primavera inaugurará a programación o vindeiro sábado 13 de abril. A partires das 19 horas e con entrada libre e gratuíta, veciños e visitantes teñen unha cita con tres bandas de música xa consolidadas: a de Vilalba, a de Boiro e, pechando o concerto, a local. Esta última, promotora do evento.
Así mesmo, os seguintes sábados do mes estarán consagrados ao teatro. A compañía NNC Teatro presentará o 20 de abril, ás 20 horas, a obra “Pim, Pam Clown”. Dirixida a un público familiar, está basada no texto de Tomás Afán, e logrou o premio á mellor interpretación feminina –para Beatriz Méndez– e mención ao mellor espectáculo na Mostra de Teatro da USC. Dirixida pola propia Beatriz Méndez e Roi Méndez, ten unha duración duns sesenta minutos. O prezo das entradas: 2,5 euros. A obra desenvolve as principais características do clown: a inxenuidade, a fanfurriñada, a curiosidade, o asombro… A partires destes caracteres, o texto trenza un argumento en torno á guerra que, sempre aderezado con humor e con certo surrealismo, fai fincapé nas tremendas doses de absurdo que sempre están detrás de calquer enfrontamento armado. E deste xeito, presenta personaxes tan paradóxicas como as do clown que ama tanto as bandeiras que sería capaz de morrer pola súa e ata pola bandeira dos inimigos, ou o xeneral clown que tenta convencer a dous paiasiños pacifistas de que a guerra é un xogo moi “díver” e apenas perigoso aínda que haxa xente despistada que vai e choca coas balas, ou xente parviña que vai e métese xusto nos sitios onde van caer as bombas. En fin, un catálogo de “situacións” bélicas que, a través do humor, pretende invocar á tolerancia e á solución pacífica dos conflitos como bálsamo necesario nestes tempos.
O día 27 de abril será o turno da compañía Elefante Elegante. Tamén a partires das 20 horas, traen a Cedeira a peza “Nuncabunga”. A obra vén de gañar o Premio María Casares ao Mellor Espectáculo 2012, sendo a primeira vez que este galardón recae nunha obra infantil. Trátase dun espectáculo cómico e poético sen palabras. María Torres e Gonçalo Guerreiro dirixen e interpretan a obra, dirixida a un público familiar e infantil. A acción desenvólvese nun espazo que evoca a cercanía co mar. Alí vive unha persoa que, nun recanto, construiu o seu fogar. Un día de temporal aparece un forasteiro enmarañado nunhas redes. Sen casa nin comida, está decidido a quedarse. O prezo das entradas: 2,5 euros.











