“Movilab” chega a Boiro
O laboratorio sobre rodas Movilab, unha iniciativa da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación Padrosa chega o martes 23 de abril á localidade de Boiro (A Coruña), onde permanecerá ata o próximo 26 de abril. O camión estará situado na Praza Domingo Concello.
Os alumnos de 5º curso de primaria do colexio Praia Xardín participarán na aula, completarán a xornada de mañá os alumnos de 1º de ESO do IES Praia Barraña. O xoves pola mañá a primeira hora serán os alumnos de 1º de ESO do Praia Barraña, seguidos dos de 6º primaria do Praia Xardín e Sta. María do Castro. O venres participarán os do IES Praia Barraña e o colexio CEIP Santa Baia. Os alumnos dos centros educativos participan en horario lectivo, polo que as xornadas de tarde organizáronse con asociacións e outros colectivos que o solicitaron, estarán Cruz Vermella, talleres de memoria, APA colexio Abanqueiro e ONG Contacto.
Obxectivos de Movilab
Movilab, instalación de ciencia situada no tráiler dun camión, ten dous obxectivos principais: divulgar a ciencia, a innovación e algunha das súas aplicacións e fomentar as vocacións no ámbito da ciencia e a innovación.
As instalacións móbiles están preparadas para levar a cabo dous talleres de forma simultánea con grupos de ata 30 persoas en horario de mañá e tarde o longo das dúas edicións anteriores pasaron por Movilab case 30.000 persoas.
Como novidade, durante esta edición varios investigadores impartirán charlas científicas nalgunhas localidades.











