Mourelo presenta a XXV edición do Trofeo Miguelito de Judo, no que participarán 3.200 nenos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesLocal
A-
A+
Presentación Trofeo Miguelito

Presentación Trofeo Miguelito

O concelleiro de Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, presentou esta mañá o XXV Trofeo Miguelito de Judo, que o próximo domingo, 28 de abril acolle, un ano máis, o Coliseum. O Concello colabora neste evento que coordina a Agrupación Deportiva Miguelito e a Federación Galega de Judo e que se celebra dende 1989 en recordo do judoca Miguel López Pérez.

O responsable municipal de Deportes destacou que nesta nova edición se manteñen as cifras de participación, con ao redor de 3.200 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos procedentes de toda Galicia, o que demostra o éxito e a consolidación deste torneo que ten como principal obxectivo fomentar os valores do deporte e promover entre os máis pequenos alternativas de ocio saudable. Neste sentido, Francisco Mourelo subliñou a predisposición do Concello de seguir colaborando na organización do Trofeo Miguelito porque se enmarca dentro da aposta municipal polo deporte base.

O Trofeo Miguelito de Judo naceu en 1989 como un sistema de participación pioneiro en España porque ata entón todas as competicións seguían o regulamento deportivo. Esta fórmula que favorece a participación e a aprendizaxe dos judocas é imitado noutras comunidades autónomas, o que converte o Trofeo Miguelito -con preto de 75.000 nenos participantes, 500.000 espectadores e 3.750 voluntarios nestes 25 anos- nun referente a nivel nacional.

A proba permite a participación de deportistas minusválidos, o que converte a xornada nun exemplo didáctico de esforzo e integración social. Francisco Mourelo explicou que o programa técnico se divide en 5 niveis, cunha gran participación feminina -arredor do 33% dos asistentes- e con nenos doutras cidades galegas -un de cada cinco nenos procede de Santiago, Ferrol e Pontevedra-. O concelleiro de Deportes explicou que a maior parte dos nenos son de idades comprendidas entre os 3 e os 9 anos.

O método de participación divídese en tres etapas: aproximación, para os niveis 1º e 2º; adaptación, para o nivel 3º; e ensino, para os niveis 4º e 5º. Cada nivel consta de dúas partes, que se realizan en senllas actuacións cun descanso de por medio. Os xuíces anotan a súa valoración de cada judoca, o que serve ao comité organizador para designar aos centros con mellor calidade técnica de cada edición.

OUTRAS ACTIVIDADES

A maiores da competición, o Trofeo Miguelito, que conta coa colaboración de Coca-Cola e Gadis, inclúe un concurso de debuxo entre todos os participantes e que consta de dúas fases: primeiro, os alumnos realizan un debuxo nos seus respectivos colexios; e, a continuación, entre os gañadores, organízase unha exposición na entrada principal do Coliseum con todos os debuxos finalistas, de entre os cales se premia os cinco mellores de cada idade.

Francisco Mourelo tamén anunciou que unha das grandes novidades desta edición é unha exposición itinerante que se está a desenvolver por centros cívicos, instalacións deportivas e centros escolares na que se narra a historia destes 25 anos do Trofeo Miguelito. Na actualidade, pódese visitar no complexo deportivo de San Diego.

25 de abril de 2013 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.