Mourelo presenta a páxina web educativa do Concello da Coruña

Mourelo na presentación da web
O concelleiro de Educación, Francisco Mourelo, presentou hoxe a nova páxina web do seu departamento -www.edu.coruna.es-, que ten como obxectivo prioritario establecer unha comunicación continua e doada entre o Concello e a comunidade educativa: alumnos, familias, persoal docente, equipos directivos e o resto de institucións.
“A nova páxina web nace coa intención de informar á comunidade educativa por medio dun acceso sinxelo e intuitivo, permitindo unha doada navegación por un deseño moderno, claro e moi estructurado”, destacou Mourelo. A partir dunha imaxe gráfica máis actual incorporáronse novas seccións que difunden non só os programas e actividades educativas do Servizo Municipal de Educación, senón tamén os seus resultados. Reorganizáronse os contidos, renovándoos, filtrándoos e priorizando os máis demandados, actualizando noticias e actividades de interese para a comunidade educativa, non só procedentes do propio departamento de Francisco Mourelo, senón doutras entidades públicas e privadas, así como avisando de convocatorias de bolsas e enlaces con outros servizos da propia Concellaría de Educación e Xuventude ou do Concello que teñan interese para os mozos.
A web educativa presenta unha estrutura moi clara, sinxela e doada de navegar onde as diferentes seccións se poden ver e acceder a golpe de vista. As principais novidades son:
– As aplicacións multimedia, por medio da creación da canle Youtube, no que se incorporan o uso combinado de vídeos e imaxes dos diferentes programas e actividades educativas municipais. Neste momento xa se poden ver os curtos realizados polos escolares dos centros públicos de Infantil e Primaria que participaron durante o primeiro trimestre no programa educativo municipal Obradoiro iniciación á curtametraxe en galego.
– A navegación en galego e castelán.
– O calendario de eventos.
– A subscrición ás noticias que os usuarios poden establecer para estar informados en tempo real das novidades educativas.
– O banner da portada, máis dinámico e actualizado, coa sucesión de fotos da cidade e a acción educativa de máis actualidade neste momento: a escolarización 2013-2014 e as Xornadas de Orientación e Formación.
– Un banner lateral onde se suceden os diferentes centros educativos da cidade a partir dos cales se pode ir directamente á súa páxina web.
O concelleiro de Educación tamén informou dos novos programas que se ofrecen coa información actualizada:
– O libro dixital en PDF Coruña Educa coas correspondentes fichas de solicitude dos diferentes programas.
– Pestanas específicas para as Escolas Infantís Municipais, os representantes municipais e os recursos da Concellaría de Educación.
– A actualidade educativa doutras entidades e institucións públicas e privadas.
– A información máis completa sobre os programas educativos municipais e as escolas infantís municipais cos logos e direccións de cada unha delas.
Mourelo explicou que se trata da primeira fase do proxecto, que ten como obxectivo estratéxico reorganizar de forma completa a páxina web, incluíndo o concepto de web 2.0. Na segunda fase do proxecto, que xa se iniciou coa incorporación da canle Youtube, a páxina posicionarase nas diferentes redes sociais, así como a posta en marcha de novas técnicas para a localización da información relacionada cos programas educativos da Concellaría.
Este ambicioso proxecto estruturará e adaptará os contidos en función dos diferentes perfís de visitantes que teña a páxina, con información adaptada a cada un deles, dependendo de se a visita procede dos centros, das familias ou do persoal docente.











