Mourelo asiste á proxección da curtametraxe rodada polos alumnos participantes no proxecto QvO
O concelleiro de Educación, Francisco Mourelo, asistiu esta tarde na Domus á proxección da curtametraxe que rodaron alumnos con altas capacidades intelectuais, dentro do proxecto municipal QvO (Queremos vivir oportunidades) e enmarcado en Coruña Educa.
O Concello, dentro do programa Coruña Educa 2012-2013, puxo en marcha o pasado mes de novembro un taller específico para escolares con altas capacidades intelectuais, o primeiro destas características que a nivel municipal se fai en Galicia e dirixido a alumnos de Primaria e Secundaria dos centros docentes da cidade diagnosticados con estas características.
A Concellaría de Educación, consciente da súa función complementaria do sistema educativo regulado, asume con este taller a responsabilidade de tomar a iniciativa no campo da innovación educativa con actividades extraescolares, apostando de xeito inequívoco por unha verdadeira educación inclusiva. O Goberno municipal avoga por aproveitar o talento, polo que o departamento que dirixe Francisco Mourelo seguirá traballando, en colaboración con profesionais altamente cualificados, no ámbito da diversidade. Este taller desenvolveuse todos os xoves dende as 18.00 ás 20.30 horas cunha duración cuatrimestral. Foron preto de 20 sesións para un total de 50 horas de traballo dos 24 alumnos participantes.
O equipo docente, integrado por sete profesionais de contrastado prestixio e experiencia en diferentes ámbitos, desenvolveu un traballo interdisciplinar: especialistas en psicoloxía, música, ciencias, lingua, dramatización e arquitectura desenvolveron con estes alumnos o proxecto QvO (Queremos vivir oportunidades), a partir do cal participaron na preparación, elaboración e rodaxe dunha curtametraxe. En concreto, os estudantes redactaron o guión, compuxeron a banda sonora, construíron o set, aprenderon a rodar e interpretaron diferentes personaxes sobre unha idea principal dun ser humano -metade neno, metade bicho- que a través de diversas peripecias vitais se converte na persoa que leva dentro.











