Mos avanza nun plan de control urbanístico e fiscal do seu tecido empresarial
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, adiantaba a semana pasada que dende o Concello se está a realizar un estudio mediante o que a administración local revisa que tódalas empresas instaladas no termo municipal mosense estean ó día no pago dos seus impostos e que se atopen nunha situación urbanística e medioambiental legalizada, esixíndolles a optimización da súa situación no caso contrario. A iniciativa de por en marcha este estudio produciuse ó detectar algún caso de empresas que non tiñan a súa situación en regra.
Trátase dun plan de control iniciado o mes pasado en coordinación entre as áreas municipais de Alcaldía, Urbanismo e a concellería de Facenda e Patrimonio que dirixe o edil Óscar Soto. O método que se está a seguir neste proceso é, en primeiro lugar, ir analizando urbanísticamente, parroquia por parroquia, tódalas empresas de cada unha das dez parroquias mosenses. Unha vez comprobado se as empresas situadas nunha parroquia teñen a súa situación urbanística regularizada, a concellería de Urbanismo dirixida por Julia Loureiro emite un informe que lle é remitido ó departamento de Facenda para que este comprobe se as empresas da parroquia analizada están ó corrente de tódolos pagos de impostos e taxas pertinentes, para o cal se require tamén nalgunhas ocasións, segundo informou o concelleiro de Facenda, da colaboración do ORAL.
Neste sentido Soto lembrou que “a regularización urbanística e a posta ó día do pago de impostos de todo o tecido empresarial asentado no Concello de Mos foi unha das promesas electorais que este equipo de goberno local presento una pasada campaña das municipais e que, como non podía ser doutro xeito, estamos a cumplir”.
E é que, tal e como aseguran os representantes municipais, de nada serve ser a cuarta localidade da provincia con maior asentamento empresarial se iso non repercute positivamente no Concello, puidendo incluso causar o efecto contrario, ó supoñer un gravame e unha carga económica a maiores para as arcas municipais. A intención firme de Mos, segundo explicou Óscar Soto, é “continuar a crecer industrialmente e fomentar dito crecemento, pero nunca converternos nun refuxio de empresas en situación ilegal, ben porque non teñan regularizada a súa situación urbanística ou ben porque non estean a pagar os impostos que lles corresponden; ou por ambos motivos”.
O obxectivo fundamental deste plan de regularización empresarial é extender o debido cumprimento dos seus deberes a tódalas empresas do municipio xeneralizando a igualdade de condicións entre tódolos asentados en Mos, tanto particulares coma empresas, e evitando así inxustizas e agravios comparativos entre os que pagan os seus impostos e os que non os pagan.
Por último, o edil de Facenda e Patrimonio informou a este respecto que “no que queda deste primeiro semestre do ano esperamos ter o 50% deste plan de regularización e control realizado, o que equivalería a 5 das 10 parroquias mosenses; e ó longo do segundo semestre de 2013 acadar o 100% do plan, habendo analizado e regularizado a situación de tódalas empresas asentadas nas 10 parroquias do Concello de Mos”.











